• Galicia ten unha presenza destacada na feira de planta ornamental Iberflora 2016 de Valencia
  • A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asistiu á inauguración deste certame de referencia en España para apoiar as 10 empresas galegas representadas

 

image005-300x200

Iberflora 2016

Galicia ten unha presenza destacada na feira Iberflora 2016, que se celebra desde hoxe e ata o vindeiro venres en Valencia. Un total de 10 empresas da nosa comunidade participan neste certame baixo o paraugas da Xunta, que dispuxo un espazo de 416 metros cadrados de superficie para expoñer unha mostra destacada do sector galego da planta ornamental. As empresas presentes nesta edición número 45 da feira son Viveros Brotes, Viveros Cabaleiros, Coplant Galicia, Viveros Denoy, Fomento Vegetal, Hifas da Terra, Viveros Juan Peixoto, Plant Plus, Ullaplant e Veraleza.

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, asistiu hoxe á inauguración do certame e achegouse ata o espazo galego para apoiar coa súa presenza as empresas participantes da nosa Comunidade autónoma. Ademais, participou na presentación pública da marca “Planta ornamental de Galicia”, organizada pola Asociación de Empresarios Viveiristas do Noroeste de Galicia (Asvinor).

Este selo, amparado pola marca de garantía Galicia Calidade, distingue as producións que cumpran cos requisitos de calidade establecidos. Asvinor conta actualmente con 30 asociados, que engloban o 80% da produción galega.

Belén do Campo destacou neste foro o peso deste sector na nosa economía rural e lembrou, neste sentido, que a facturación da produción de planta en Galicia rolda os 38 millóns de euros anuais (datos do 2015), dos que un 20% corresponden á exportación. Dixo ademais que a nosa é a quinta comunidade española que máis exporta e que os nosos principais mercados internacionais son, por orde de facturación, Francia, Alemaña, Reino Unido e Portugal. A directora xeral fixo tamén fincapé nos 1.500 postos de traballo directos que crea este sector e salientou que un 90% deles están ocupados por mulleres do rural.

Así mesmo, indicou que Galicia é, con diferenza, a maior produtora de camelia en Europa e que noutras producións –como hortensia, rododendro, azalea, abelia, acivro e coníferas de peche– é das maiores produtoras de España.

Iberflora está considerada a feira de referencia do sector en España. Na pasada edición, a superficie da mostra situouse preto dos 60.000 metros cadrados, con 408 empresas expositoras, das cales a maioría (arredor dun 76%) foron españolas e o resto internacionais, de 15 países diferentes. En 2015 recibiu case 9.000 visitantes e abarca os subsectores de planta, xardinería, flor, bricoxardín e tecnoloxía.