Presentouse o primeiro manual preparatorio das oposicións a bombeiro

450px-Viatura_bombeiros_resgate01O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, presentou oonte á tarde ‘O bombeiro galego. Temario e cuestionarios’ 1 e 2, o primeiro manual preparatorio das probas teóricas ás oposicións a bombeiro avalado pola Xunta de Galicia que sae do prelo da man de Andavira Editora e do bombeiro Gerardo Fernández Costa.

O secretario xeral expresou a súa satisfacción pola publicación en galego do primeiro manual de bombeiros de Galicia, pois “cómpre que a nosa lingua propia estea presente en todos aqueles ámbitos e actividades que se desenvolvan na sociedade galega do século XXI e, particularmente, que se asocie a proxectos pioneiros nun espazo tan importante coma o da Administración pública”. García destacou que o manual incide nos coñecementos das persoas que se ocupan da seguridade cidadá, quizais os profesionais da Administración que teñen un contacto máis directo e estreito cos administrados. “A súa formación en galego é fundamental para garantirmos o dereito das persoas da nosa comunidade a seren entendidas e atendidas en galego”.

Tres lustros de traballo

Por outra banda, o secretario resaltou o papel do manual ‘O bombeiro galego. Temario e cuestionarios’ na creación e difusión de léxico especializado de diferentes ámbitos que concorren na formación dos bombeiros. “O enriquecemento léxico da nosa lingua faina dinámica e apta para a sociedade actual e futura”, sinalou.

García gabou “o traballo inxente” do autor, Gerardo Fernández Costa, que dedicou “case tres lustros do seu tempo á elaboración e redacción desta obra necesaria, útil e magnificamente traballada”. Neste sentido, recoñeceu a importancia da implicación da cidadanía e da empresa privada –en referencia ao propio autor e á editorial que o publica – na promoción e no avance da lingua galega, ao tempo que comprometeu neles os esforzos do departamento de Política Lingüística.

No acto, que se celebrou na Academia Galega de Seguridade Pública, participaron tamén o director xeral desta entidade, Luis Menor; o rexedor estradense, José López Campos; o autor do manual, Gerardo Fernández; e unha representante de Andavira Editora, Lucila Ventoso.

También te podría gustar...