Presentada ‘La Vuelta’ mais ourensá da historia

  • A «Vuelta a España» será máis ourensá que nunca, coa disputa de catro etapas na provincia
  • O Teatro Principal de Ourense acolleu a presentación da 71ª edición da «Vuelta a España», coa presenza dos exciclistas Pedro Delgado, Óscar Pereiro e Fernando Escartín
  • No acto analizáronse as características técnicas do percorrido e a repercusión social e económica que supón este evento para a provincia de Ourense
  • Manuel Baltar dixo no acto que esta é a provincia na que cremos, «unha Ourense de futuro, positiva e ambiciosa», destacando no ámbito deportivo «a presenza na máxima competición do baloncesto, o termalismo de alto nivel deportivo e a estación de montaña de Galicia»

0 0 MB e Vuelta 310316

 

O Teatro Principal da Deputación de Ourense acolleu onte a presentación da 71ª edición da «Vuelta a España», unha proba ciclista que este ano ten como protagonista á provincia de Ourense, na cal se disputarán catro etapas. No acto, que contou coa participación dos exciclistas Pedro Delgado, Óscar Pereiro e Fernando Escartín, analizáronse as características técnicas do percorrido e a repercusión social e económica que supón este evento para a provincia ourensá. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo na súa intervención de apertura do acto que esta éa provincia na que cremos, «unha Ourense de futuro, positiva e ambiciosa», que destaca no ámbito deportivo en logros como «a súa presenza na máxima competición do baloncesto, o termalismo de alto nivel deportivo e a estación de montaña de Galicia, en Cabeza de Manzaneda».

No acto, no que tamén participou o director xeral da «Vuelta a España», Javier Guillén, foron homenaxeados os ciclistas ourensáns César Pérez e Raúl Rey, que participaron na Vuelta a España, e tamén foron recoñecidos Xulio Conde e o ciclista preolímpico ourensán, Pablo Rodríguez.

Manuel Baltar destacou que o deporte «é unha das liñas básicas do plan de mandato Ourense 15-19, nas súas vertentes de deporte de elite e escolas deportivas», e engadiu que a propia denominación que este ano ten a proba ciclista: «Ourense Termal-Madrid» «alude ao noso papel como berce da mesma, tendo como puntos de saída ou chegada os concellos de Cenlle, Arnoia, Nogueira de Ramuín, Castrelo deMiño, Maceda e a capital ourensá». Baltar afirma que logro deportivo e organizativo para a nosa provincia «é o resultado dun traballo intenso dos últimos anos, encaixando na filosofía «Ourense Deporte» doPlan 15-19 de xestión e estratexia operativa da Deputación de Ourense».

A «Vuelta a España» é un evento que xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia configuran as carreiras ciclistas máis importantes do mundo, sendo seguida por máis de 150 países e do que a organización estima que terá un retorno económico mínimo de 1,7 millóns de euros para a provincia de Ourense.

A presentación de equipos terá luar en Arnoia, sendo a primeira etapa unha crono entre Laias (Cenlle) e o Parque Náutico de Castrelo de Miño. A segunda etapa terá a súa saída na cidade de Ourense, a sexta etapa terá como meta a localidade de Luintra, e a sétima etapa sairá de Maceda. Catro etapas de máximo protagonismo ourensán, nas que a nosa provincia ofrecerá un gran escaparate ao mundo o vindeiro mes de agosto, co importante impacto mediático e promocional que elo supón nos máis de mil millóns de espectadores que se estima seguen a través dos medios de comunicación unha das probas ciclistas máis importantes do mundo, «para o cal a Deputación de Ourense e «Vuelta a España» son cooperadores necesarios», dixo Manuel Baltar.