Presentación do IX Festival internacional de música étnica e tradicional “Rebulir”

Presentación.IX.festival.Rebulir.01

 

Dende hoxe venres e ao longo da vindeira fin de semana terá lugar no municipio de Ramirás a IX edición do Festival internacional de música étnica e tradicional “Rebulir”, un evento que cada ano converte a este concello ourensán “na capital galega da convivencia e do intercambio intercultural a través da danza e da música”. Así o expresou hoxe o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto de presentación do festival, que tivo lugar no Pazo Provincial, coa presenza da alcaldesa de Ramirás, Pilar López; do delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e do director artístico do festival, Alexandre Sotelino.

Rosendo Fernández dixo que “Rebulir” “é unha cita ineludible no panorama da música étnica e tradicional porque xungue cultura, etnografía e tradición, tres elementos que contribúen a fomentar os valores dos pobos e a unilos buscando sempre a concordia entre eles”.

Pola súa banda, Pilar López agradeceu o traballo que a asociación “Rebulir” leva a cabo “non só na organización deste festival senón tamén ao longo de todo o ano, desenvolvendo diferentes actividades en nadal, primavera e verán, que contribúen a dinamizar a vida social do municipio de Ramirás”, e Rogelio Martínez amosou o apoio da Xunta de Galicia “cun festival que mantén vivas as tradicións e que irmanda pobos a través do folclore”.

Alexandre Sotelino deu conta do amplo programa de actividades, entre as que destaca a gala que se celebra mañá sábado, ás 19.00 horas, no polideportivo do Picouto, presentada por Miguel Ferreiro, e na que actuará como padriño Xosé Manuel Piñeiro. Na mesma actuarán grupos de música tradicional e étnica de Ramirás, Pontedeva, Teo, Zamora, Setúbal, Zaragoza e Dakar (Senegal), coa colaboración musical especial de “Puntada sen fío”.

Entre as novidades deste ano destacan: unha exposición fotográfica que amosa os lugares de procedencia dos grupos participantes, e o formato diferente que ten a gala na que actuarán os grupos. O domingo rematará o festival cunha jam sesión intercultural que se celebrará á medianoite en Celanova, e que servirá de xornada de convivencia e intercambio de experiencias entre os participantes dos diferentes grupos.

También te podría gustar...