Presentación da nova equipación do COB, “Ourense, a provincia termal”

Presentacion.equipacion.COB.ourense.provincia.termal

 

No Pazo dos Deportes “Paco Paz” da Deputación de Ourense tivo lugar hoxe a presentación da nova equipación do Club Ourense Baloncesto SAD (COB) “Ourense, a provincia termal”. No acto participaron o presidente provincial, Manuel Baltar e o presidente do Consello de Administración do COB, Antonio Gavilanes, xunto co corpo técnico e os xogadores do club. Baltar lembrou que o COB “é o equipo deportivo que está nunha categoría inmediatamente anterior á máxima do baloncesto profesional en España e decidiu que na súa equipación figurase o lema “Ourense, a provincia termal”, que non só é un lema senón tamén é o resultado desa colaboración coa Xunta de Galicia, a través do Plan Termal, para distinguir á nosa provincia como un referente singular no ámbito do termalismo”.

Manuel Baltar felicitou ao equipo pola traxectoria e os éxitos deportivos e dixo que o deporte é un vehículo publicitario importante “e a Deputación de Ourense forma parte do accionariado do COB e estivo e seguirá apoiando a este clube que levará na súa camiseta ese referente termal da nosa provincia, que nos une e nos distingue aos ourensáns”.

O presidente provincial lembrou que el tamén estivo no pasado dirixindo este clube “e por iso doume conta das dificultades que supoñen as xestións diarias, polo cal agradezo o traballo que están a facer o consello de administración e os profesionais deportivos para que a imaxe de Ourense sexa a mellor posible”.

A achega da Deputación de Ourense para o COB é de 216.000 euros, unha subvención nominativa que se concede ao marxe de calquera outra achega, ao igual que acontece coa do Rally de Ourense. “Somos a única administración de España que destina o 80 % das súas axudas mediante convocatoria pública e competitiva, facemos excepcións con este caso porque somos accionistas do COB e tamén co Rally de Ourense porque neses días que se celebra é a proba deportiva que máis retorno económico produce para a provincia de Ourense”, explicou Manuel Baltar.