presentacion.expo.anton.sobral.01

 

“Eu sempre pintei paisaxes pero, sobre todo, o mar, porque o mar ten horizonte, o mar prodúceme acougo e tranquilidade, incluso ese mar bravo que peta contra as rochas, a min dame unha paz interior”. Así se expresou o artista pontevedrés Antón Sobral, na presentación da exposición “Bitácora dun mariñeiro sentimental” que esta tarde inaugúrase no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación. Sobral, que lembrou a súa amizade dende tempos da  universidade co propio Marcos Valcárcel,  dixo sentir unha honra especial por poder amosar o seu traballo nun centro que leve o nome do seu amigo despois de ter nás súas costas máis de 200 exposicións en lugares tan senlleiros como París, Milán, Viena ou New York.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, coincidíu co autor nesa relación mútua co mar, ate o punto de lembrar a súa etapa de formación como médico en Plasencia e como se achegaba ate o río Tajo “porque era o máis parecido ao mar que podía ver” e fixo especial mención a que un artista tan cosmopolita como Sobral escollera este lugar do interior de Galicia para amosar a súa obra.

O director do centro cultural, Francisco González, aludíu á profesionalidade de Antón Sobral e á honra que para o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” supón traer a un artista da súa trayectoria profesional.

 

A mostra, que estará aberta ate o vindeiro día 5 de abril, inclúe óleos, fotografía, poesía, vídeo e libro de artista.