Presentación da campaña de vacinación antigripal

Gripe2014

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presentou hoxe a campaña de vacinación antigripal que a Consellería de Sanidade puxo en marcha onte e que se prolongará durante oito semanas ata o vindeiro 20 de  decembro. Martínez destacou que a provincia de Ourense conta cun total de 180 puntos de vacinación, aos que os ourensáns  poden acudir para recibir as correspondentes vacinas. Na presentación da campaña Rogelio Martínez estivo acompañado pola xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, María Villar, e a subdirectora de Procesos de Enfermería da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras do Sergas, Montserrat Souto.

A campaña de vacinación fronte a gripe está destinada a todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos de risco da antigripal as persoas con condicións crónicas de risco, embarazadas, e persoas ingresadas en institucións pechadas.

Ademais, tamén se recomenda a vacinación ao persoal sanitario, empregados de institucións pechadas e outros centros para enfermos crónicos; e ás persoas que atenden ou conviven  con persoas incluídas en grupos de risco. Tamén, ás que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros.

Os obxectivos específicos son acadar unha cobertura do 65% entre a poboación maior de 65 anos, mentres que entre os traballadores de atención primaria e especializada do Sergas o obxectivo de cobertura é superar o 35%.

Programar a vacinación

Utilizarase dous tipos de vacina: o primeiro para as persoas de 60 a 74 anos non institucionalizadas e as menores de 60 anos pertencentes aos grupos de risco; e o segundo para a poboación maior de 74 anos ou de 65 ou máis anos que vivan en residencias. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. Como novidade, aínda que afecta a moi pouca xente, haberá tamén unha vacina específica para as persoas con alerxia severa ao ovo.

O delegado territorial lembrou que os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de cómo e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu centro médico onde serán informados das vacinas que deben recibir.

Os responsables da Xefatura Territorial de Sanidade advertiron á cidadanía que a vacinación durará máis de oito semanas e hai tempo suficiente para facela progresivamente. Por isto, dende a Consellería de Sanidade solicítase á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.

A provincia de Ourense conta na actualidade  con 180 puntos de vacinación: 107 centros de saúde, 3 hospitais públicos e 2 privados, 29  centros sanitarios privados, 29 residencias da terceira idade de titularidade pública ou privada, 3 residencias de discapacitados, e 7 centros   nos que se inclúen o centro penintenciario, unidades de asistencia a drogodependentes e centros de menores.

Para a campaña 2014 fronte a gripe a Consellería de Sanidade adquiriu 530.300 doses cun investimento de 2 millóns euros.

O luns,  para o  inicio desta campaña xa se  tíñan distribuido nos puntos de vacinación desta provincia  29.320 doses de vacina antigripal  e 552 de neumocócica.  

Gripe 2014

Campaña anterior

O ano pasado en toda Galicia acadouse unha cobertura entre a poboación maior de 65 anos do 52%, que este ano se prevé incrementar. No caso da provincia de Ourense, a taxa de vacinación antigripal en persoas de 65 anos ou máis, foi máis de 7 puntos superior, chegando a unha cobertura do 59,2% , é dicir que vacináronse nesta provincia 57.189 maiores de 65 anos .  Ourense continúa a ser a provincia cos niveis mais altos de vacinación en tódolos grupos de risco.

Na campaña pasada, en Ourense notificáronse 3.619 casos de gripe, 60 ingresados e 5 falecidos.  Foi a provincia con menos ingresos e menor números de chamadas por gripe ao 061. Dos ingresados, o 75% tiñan algún factor de risco e  o 73 % non estaba vacinado .

También te podría gustar...