Policía a cabalo súmase a vixilancia contra os incendios forestais en Ourense
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou este mediodía á patrulla da sección de cabalería da Policía Nacional que hoxe inicia o seu labor na provincia, uníndose ao dispositivo de prevención de incendios da Policía Autonómica, no marco da operación Lumes do Pladiga 2015. A patrulla está composta por dous xinetes cos seus respectivos cabalos e acudirá a Ourense periodicamente. O seu campo de actuación será a cidade e as parroquias do seu perímetro rural. O obxectivo desta patrullas e exercer un efecto “disuasorio” e frear a actuación de calquera que pretenda atentar contra o noso patrimonio natural.
Martínez subliñou a importancia da colaboración entre as distintas administracións e corpos de seguridade e emerxencias para facer fronte aos lumes forestais na nosa Comunidade. “Esta colaboración dáse en todos os ámbitos pero cobra especial importancia na prevención e na investigación dos lumes forestais, onde é de destacar o traballo conxunto que veñen facendo as policías nacional e autonómica, xunto á Garda Civil e aos propios axentes forestais”, asegurou o delegado territorial.