Para o BNG, ‘Alfredo García tarda 16 anos en pensar un proxecto para a xestión dos residuos’

logo_BNG_o_barcoPara o BNG, ‘Alfredo García tarda 16 anos en pensar un proxecto para a xestión dos residuos’.

O BNG do Barco critica o proxecto presentado desde alcaldía, que logo de catro lexislaturas de goberno presenta en plena campaña electoral. A xestión dos resíduos é un tema por resolver no Barco, e que ten levado a varios debates á Comisión de Medio Ambiente e á Corporación Municipal en Pleno.

O candidato do BNG a alcalde do Barco, Suso Vilasánchez defende “unha xestión sostíbel, que é polo que sempre apostou o BNG, un modelo alternativo a SOGAMA que sexa quen de xerar riqueza na propia comarca”. Vilasáchez engade que “nos últimos 4 anos de lexislatura foron varias veces as que Vítor Sierra, voceiro do Grupo Municipal Nacionalista no consistorio barquense, levou proxectos que se están a desenvolver noutros concellos que transforman os resíduos en enerxía ou mesmo en derivados aptos para o uso agrícola, proxectos que ademáis de ser máis respetuosos con noso entorno, xerarían emprego, aliás de ser unha xestión infinitamente máis barata que o que custa SOGAMA”.

“Lamentamos que Alfredo García se aproveite dos proxectos que propuxemos ao longo dos últimos anos e que sexa agora en plena campaña cando os presente prometendo o emprego que non foi quen de xerar desde que comezou a crise” comenta Vítor Sierra. “As cifras do paro son abrumadoras no noso concello, e moita xente nova ten que emigrar, é tarde para prometer algo que a cidadanía sabe que non é quen de facer”.

Asemade Sierra critica que “aproveite a alcaldía e os recursos do concello para facer campaña, pois non pode ser alcalde pola mañá e candidato na hora do café”. Así mesmo lembra a xestión nefasta en materia de Medio Ambiente aludindo aos “23 vertedoiros que hai espallados polo concello, e dos que o BNG lle entregou un catálogo, pois como os vamos controlando a cotío, sabemos que medran sen ningún control, e desde o Concello seguen de brazos cruzados”.

E puntualizan: A inversión que promete Alfredo García de 16 millóns de euros é un disparate que lanza en campaña, e que se desmonta ao non estar avalada polas outras administracións. É claro que o Concello do Barco non vai facer ese desembolso unilateralmente. As administracións que imaxina o candidato do PSOE como aliadas son os aliados naturais do seu partido. Nos últimos anos Alfredo García ten axudado ao PP e en concreto a Manuel Baltar a dotar á Deputación Provincial de Ourense de proxectos xusto no momento en que as institucións provinciais ven perigar o seu futuro logo de que a cidadanía cuestione cada vez máis o seu carácter democrático. O outro suposto aliado é a Deputación Provincial de Lugo, gobernada polo mesmo partido de García, e que na actualidade non pode asegurar a súa continuidade. Mesmo que siga gobernada polo PSOE na vindeira lexislatura, o proxecto é inviábel ao ser ilegal que unha Deputación Provincial apoie a un concello doutra provincia.

También te podría gustar...