Os novos plans de emprego promoverán a contratación de 131 orientadores para mellorar a intermediación e incentivos por traballador de ata 9.800 euros

image_gallery

 

A Estratexia de Garantía Xuvenil e o Programa extraordinario de activación para o emprego sumarán un total de 15 medidas e 60 millóns de euros nestes dous anos. Ambas iniciativas inclúen actuacións novidosas, entre as que destacan a contratación de 131 novos técnicos e orientadores no Servizo Público de Emprego de Galicia co fin de impulsar a intermediación laboral pública, ou a posta en marcha de incentivos por traballador de ata 9.800 euros para parados de longa duración.

Así o detallou onte a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a súa comparecencia no Parlamento galego para dar conta destas dúas ferramentas, que foron pactadas con patronal e sindicatos no mes de xaneiro. “Recoller as demandas e recomendacións dos representantes sindicais e empresariais é, sen dúbida, a mellor garantía de éxito”, subliñou a titular do departamento autonómico.

Segundo explicou Mato, “se o desemprego é o noso obxectivo número un, a prioridade son os colectivos que maiores dificultades están a atopar”. De aí que estes dous plans estean deseñados para mellorar a empregabilidade de dous dos colectivos máis afectados: os menores de 25 anos e os parados de longa duración con cargas familiares. Isto, por suposto, sen esquecer as medidas específicas que ten deseñado o departamento para as persoas en risco de exclusión ou con discapacidade.

O obxectivo xeral de ambos plans é mellorar o currículo e opcións de inserción no mercado laboral dos participantes a través de catro eixos: mellora da intermediación, así como da empregabilidade, apoio á contratación e fomento do emprendemento.

Ambas iniciativas comparten algunha das súas medidas, como por exemplo a contratación de 131 novos orientadores e técnicos en prospección laboral no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) (75 no marco do Programa de activación e 56 no de Garantía Xuvenil).

Tamén comparten a formación dual, que ata o momento estaba dirixida só aos menores de 30 anos, e que agora se estende tamén aos parados de longa duración.

Outra das actuacións incluídas en ambos plans é o novo programa de adquisición de experiencia en entidades sen ánimo de lucro, que permitirá a contratación dos beneficiarios durante un ano nunha entidade de iniciativa social. Os dous plans tamén inclúen a adquisición de competencias tecnolóxicas, de idiomas e de certificados de profesionalidade.

150 millóns para o emprego xuvenil
O ano pasado a Xunta xa liderou a posta en marcha do primeiro Plan de emprego xuvenil da Xunta, que ten como obxectivo reducir o desemprego entre os menores de 30 anos. Contén 19 medidas, dotadas con 100 millóns de euros, a desenvolver entre 2014 e 2015.

Trátase dun plan que xa está contribuíndo a mellorar as expectativas no mercado laboral. De feito, o desemprego entre os menores de 25 anos en Galicia reduciuse un 21,5%, un 15,6% máis do que diminuíu o paro dos menores de 25 no conxunto do Estado. Isto quere dicir que hoxe hai 3.605 mozos desempregados menos que hai un ano, o que converte a Galicia na primeira comunidade con maior redución de desemprego entre os menores de 25 anos.

Complementario a este plan, en xaneiro aprobouse o Programa de Garantía Xuvenil, dirixido neste caso aos menores de 25 anos que non estean ocupados, nin integrados nos sistemas de educación ou formación. Hai 31.400 beneficiarios potenciais deste novo plan, segundo os datos da EPA. A súa finalidade é que todos estes mozos reciban, nun prazo máximo de catro meses desde que se anoten, unha oferta de traballo, de educación continua, de formación para o emprego ou para realizar un período de prácticas.

Esta iniciativa contará cun orzamento de 49 millóns de euros e 9 medidas específicas. Este investimento súmase aos 100 millóns de euros que xa estaban consignados ao Plan de emprego xuvenil, de xeito que se chegará a 150 millóns de euros destinadas a promover o emprego entre a mocidade.

En canto a medidas concretas, a conselleira destacou a posta en marcha de obradoiros de emprego para menores de 25 anos, vinculados a sectores emerxentes como novas tecnoloxías, innovación ou asistencia sanitaria. Tamén se inclúe a realización de prácticas non laborais en empresas ou programas específicos para obter o título da ESO ou de Formación profesional básica de grao medio; o apoio á contratación indefinida, temporal, e á transformación de contratos temporais en indefinidos; ou axudas a fondo perdido de 1.200 euros para a súa constitución como traballadores autónomos, sen necesidade de acreditar un investimento en activo fixo.

Activación para o emprego
Por outra banda, Mato subliñou a necesidade de comprometerse “coas persoas desempregadas de longa duración que ademais contan con cargas familiares”. A eles vai dirixido o Programa extraordinario de activación para o emprego, que desenvolverá medidas de orientación, formación e cualificación.

Os beneficiarios deste plan son os mesmos que percibirán a renda de acompañamento de 426 euros posta en marcha polo Goberno central. En Galicia hai 20.000 persoas potenciais beneficiarias que poderán solicitar esta axuda.

Este Plan contará con 6 medidas específicas e 10 millóns de euros, o que ademais sitúa a Galicia como a primeira comunidade en deseñar un plan complementario para este colectivo.

Entre estas 6 actuacións concretas, Mato fixo especial fincapé no apoio á contratación deste colectivo. Así, o programa ofrece ás empresas que contraten a estas persoas a posibilidade de compatibilizar durante 5 meses a renda de acompañamento cun contrato por conta allea. Galicia decidiu subvencionar os 7 meses restantes con 426 euros –o equivalente á renda do Estado- ata cubrir un ano de contrato. Deste xeito, a empresa que realice un contrato por un ano recibirá 3.000 euros; e entre 8.000 e 9.800 se o contrato é indefinido.

Potenciarase tamén o autoemprego entre o colectivo, con incentivos de ata 9.000 euros: 7.800 euros ao darse de alta; e 1.200 en subvención para actividades de asesoramento previo.

Calendario
Durante a súa intervención, Mato precisou que dúas das 15 medidas de ambos plans xa están publicadas no Diario Oficial de Galicia: os obradoiros de emprego de menores de 25 anos, e as prácticas non laborais en empresa para este colectivo.

Outras 4 actuacións publicaranse antes de que remate marzo e as 9 restantes dentro do primeiro semestre deste ano.