Os hospitais do Sergas realizaron no 2014 un total de 275 transplantes de órganos

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, presentou hoxe, en rolda de prensa, o balance da actividade de doazón e transplante en Galicia do ano 2014 nos hospitais do Sergas  

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, presentou hoxe, en rolda de prensa, o balance da actividade de doazón e transplante en Galicia do ano 2014 nos hospitais do Sergas, En total, realizáronse 275 transplantes de órganos nos hospitais do Servizo Galego de Saúde. Tamén destacou a consolidación do transplante de ril de doador vivo, do que, no pasado ano, fixéronse un total de 33, e, dende 2001, a cifra xa acada os 183 transplantes neste apartado. Na presentación, o xerente estivo acompañado do director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, e do director da Oficina de Coordinación de Transplantes, Jacinto Sánchez.

Polo que respecta ao número de doadores de órganos cadáver en Galicia, situouse en 91 (43 na provincia da Coruña, 12 na de Lugo, 4 na de Ourense e 32 na de Pontevedra). Tamén destacou o xerente do Sergas que, na nosa Comunidade, á taxa de negativas familiares segue a ser alta respecto da media do Estado, situándose neste 2014 nun 27% fronte ao 15,9% do 2013 en España.

Doutra banda, Fernández-Campa sinalou que a idade media do doador foi de 64,3 anos, remarcando que o 15,4% tiñan máis de 80 anos e máis dun 71% superaban os 60 (en España o 54%). Respecto do sexo, o 67% eran homes e o 33% mulleres.

No que atinxe as causas de morte dos doadores, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares, cun 67%, seguido dos traumatismos cranio encefálicos que foron consecuencia dun accidente de tráfico. No obstante cómpre sinalar que os accidentes de tráfico supoñían no ano 2000 case que o 20% das causas de morte, fronte ao actual 6,6%.

También te podría gustar...