Celanova plan Marco

  • O delegado territorial, Rogelio Martínez, supervisou as actuacións que contaron cun orzamento de preto de 56.000 euros
  • As obras consistiron na mellora e ampliación do pavimento dos camiños por medio da técnica do bacheo
  • A Xunta mobiliza preto de 3.600.000 euros a través do Plan Marco Programa da Consellería de Medio Rural e do Mar para a realización de melloras nas infraestruturas rurais da provincia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou esta mañá, acompañado polo alcalde de Celanova, José Luís Ferro,e polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Yago Borrajo,  as obras levadas a cabo no concello de Celanova, recollidas no Plan Marco Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013/2014.

O delegado remarcou na súa visita a importancia da realización destas actuacións de ampliación, remodelación e mantemento de camiños de titularidade municipal, que “buscan  facilitar os accesos e a comunicación das localidades e mellorar a calidade de vida destas poboacións rurais”.

Foron un total de 15 actuacións, que contaron cun orzamento de 55.247 euros, e consistiron na ampliación e mellora do firme de varios camiños mediante un proceso de substitución do pavimento deteriorado por unha nova rega asfáltica seguindo unha técnica de bacheo.

As vías nas que se levaron a cabo as obras foron os camiños de Fontecuberta-Rabal, Armada-Celanova, Rabal da Igrexa, entrada a Leborín, Quintairos de Bobadela, acceso a Miranzo, Cavadoiro-Acevedo, Os Barreiros-Amoroz, As Pedreiras-As Lobeiras, acceso ao cemiterio de Sampil, O Burgo, Moreiras, camiño á capela de Casasoá,  Casasoá-Cañón e o camiño de  A Gandarela-A Freiría.

Martínez recordou que “o goberno autonómico está a mobilizar preto de 3.600.000 euros a través do Plan Marco Programa da Consellería de Medio Rural e do Mar para a realización de melloras nas infraestruturas rurais en Ourense”.

O Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 lévase a cabo mediante axudas convocadas pola Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia (Agader), dirixidas ás entidades públicas locais. Os proxectos que se enmarcan neste programa teñen como finalidade que a totalidade dos municipios de Galicia se beneficien da mellora das súas infraestruturas básicas.