A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, celebraron estes datos esta mañá nun encontro no que asinaron tres acordos

 

O pasado mes de setembro marcou un máximo histórico na nosa Comunidade con preto de 480 mil viaxeiros e 960 mil pernoitas no conxunto da Comunidade. O dito mes, Galicia, rexistrou un incremento do volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 10,2% e do 7,6% nas pernoitas, contabilizando máis de 955 mil. Este comportamento positivo da demanda regrada sitúa os niveis deste setembro nos máis elevados dos últimos anos.

En canto aos segmentos de mercado, o mercado nacional subiu no mes de setembro un 5% mentres que o internacional creceu nun 15,5%, ambas porcentaxes referidas ás pernoitas. Ambos segmentos presentaron resultados positivos en todas as tipoloxías de aloxamento. O turismo nacional subiu un 4,4% nos aloxamentos hoteleiros mentres que nos extrahoteleiros o incremento situouse no 8,8%. Pola súa banda, o internacional presentou crecementos do 16,7% no hoteleiro e do 5,6% no extrahoteleiro.

O turismo internacional acadou neste ano máximos históricos en Galicia no mes de setembro tanto en termos de volume, con preto de 165.000 viaxeiros e 260.000 pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, representando xa o 34,4% dos viaxeiros aloxados e o 26,9% das pernoitas.

En setembro o 87,4% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representan o 69,1%- como ás pensións –co 18,3% neste caso-. O 13% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representan o 2,8% da demanda total-, aos cámpings –co 6,2%- e aos establecementos de turismo rural –que supoñen o 3,6% neste caso-.

En canto aos niveis de demanda turística neste mes de setembro, no segmento hoteleiro incrementouse nun 7,6% -porcentaxe que subiu ao 21,3% no caso das pensións- mentres que no extrahoteleiro a mellora foi do 8,1%. Neste senso, destaca o incremento rexistrado no segmento do turismo rural, con subas do 21,9% na cifra de viaxeiros e do 20,4% nas pernoitas.