O Servizo de Voluntariado Xuvenil incorporará 830 mozos e mozas como voluntarios, para o que se investirán 500.000 euros, un 13,5% máis

image_gallery (1)A Consellería de Traballo e Benestar está a destinar un total de 2.400 euros para o desenvolvemento do programa ‘Voluntariado a pé do Camiño’ da Asociación Xuvenil Brigantium, que permitirá a formación de 8 voluntarios que contribuirán a mellorar a experiencia dos peregrinos do Camiño Inglés ao seu paso por Betanzos (A Coruña).

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou onte a estes oito mozos e mozas que están a desenvolver tres actividades nun total de 1.440 horas de acción voluntaria: o labor no albergue, que permitirá ampliar o seu horario de apertura e peche; a oferta de información hoteleira, comercial, sanitaria ou de patrimonio histórico para os peregrinos; e percorridos guiados polo casco histórico da vila de Betanzos.

A titular de Benestar indicou que o proxecto enmárcase no Servizo de Voluntariado Xuvenil, “unha iniciativa pioneira a nivel estatal posta en marcha no ano 2011 co obxectivo de fomentar a participación dos mozos galegos nas actividades que desenvolven as entidades de acción voluntario, os concellos e as mancomunidades”.

Este ano o Servizo vai permitir incorporar a 830 mozos e mozas como voluntarios en 128 proxectos, cun investimento de 500.000 euros, que supón un 13,5% máis que o ano pasado. As actividades relacionadas co Camiño de Santiago conforman unha das áreas prioritarias do Servizo de Voluntariado Xuvenil, xunto ás de recuperación da cultura, arte e tradicións populares; as actividades con colectivos en situación de risco, colectivos xuvenís ou relacionadas coa igualdade de xénero; e os programas de voluntariado no ámbito familiar.

Ademais, todos os mozos participantes nestas accións poderán solicitar unha certificación oficial da experiencia adquirida, que, segundo indicou Mato, “vai enriquecer os seus currículums e a mellorar, polo tanto, as súas oportunidades de acceder a un posto de traballo”.

Beatriz Mato apuntou que “Galicia tamén é pioneira na certificación da experiencia voluntaria, grazas á creación do Rexistro da Acción Voluntaria de Galicia”, esa foi unha das grandes novidades e vantaxes que se recolle na Lei de Acción Voluntaria de Galicia, “un novo marco lexislativo para o voluntariado en Galicia que aprobou por unanimidade o Parlamento de Galicia en novembro de 2011 e que foi o froito do diálogo, o consenso e da participación pública”, concluíu.