O Sergas realiza máis de 65.500 chamadas nos tres primeiros meses de funcionamento do programa Conecta 72

SERGASO persoal de enfermería de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde realizou ata o pasado 26 de xullo un total de 65.579 chamadas no marco do programa Conecta 72. Este servizo, iniciado o pasado 14 de abril, permite facer efectiva unha mellora na continuidade dos coidados dentro das 72 horas posteriores á alta nos pacientes que foron ingresados nos hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde.

Segundo os datos que se desprenden da enquisa de satisfacción que recibiron algúns dos pacientes usuarios do Conecta 72, “na súa corta traxectoria xa ten demostrado como o seguimento dos pacientes dende as consultas de enfermería de atención primaria mellora a capacidade de detección de problemas asociados coa alta hospitalaria”. Tamén fai que os pacientes se sintan mais seguros cando regresan ao seu fogar, pois saben que o persoal de enfermería está atento á evolución do todo o proceso da súa enfermidade para poñer en marcha os mecanismos necesarios que den cobertura ao seu problema, ademais favorece a relación enfermeiro-paciente.

Consulta telefónica en Atención Primaria
Outra das apostas do Servizo Galego de Saúde por ofertar aos usuarios novas modalidades de consultas que acheguen os profesionais á cidadanía, foi a consulta telefónica iniciada en decembro de 2013.

Dende o seu comezo acadou un total de 2.026.331 citas, o que supón un 5,6% do total de consultas que se solicitan nos nosos centros de saúde. Esta modalidade de consulta, que escolle o propio paciente, tivo unha importante acollida entre os usuarios do Servizo Galego de Saúde tal e como reflicten o número de solicitudes en aumento. Así, se no 2014 o número total de consultas telefónicas en todas as súas modalidades acadou 1.101.000 citas, os datos para 2015 apuntan a 1.600.000 consultas, isto é, un incremento de máis do 30%.

No primeiro semestre de 2015 solicitáronse un total de 878.269 de citas por teléfono, das que 720.651 foron para os médicos de familia, 72.080 para pediatría, 66.620 para enfermería, 13.676 para enfermería obstétrico-xinecolóxica, 3.911 para traballador social, e 1.331 para odontoloxía e hixienista dental.

Dende o seu inicio, en decembro de 2013 os médicos de familia recibiron un total de 1.753.478 consultas, o que supón para estes profesionais o 8% das consultas que reciben diariamente en valor promedio de todas as Estruturas Organizativas de Xestión Integrada. As outras categorías profesionais iniciaron esta modalidade de consulta o 10 de marzo de 2014, dende esa data, todas as categorías aumentaron porcentualmente o número de citas solicitadas.

Novos modelos de asistencia
Dende a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria destácase que estes programas poden levarse a cabo grazas á implicación de todos os profesionais, especialmente da enfermería de atención primaria, e aos avances nas ferramentas informáticas das que dispón o Sergas, que permiten entrelazar os sistemas de citación coa historia clínica electrónica e de prescrición, pechando o círculo da comunicación cun medio ao alcance de todos os usuarios como é o teléfono.

Estes recursos responden á posta en marcha de novos modelos de atención, que garanten ao paciente seguridade e calidade asistencial, ao tempo que reducen desprazamentos aos centros de saúde, co conseguinte aforro de tempo, e de custos económico para os pacientes, axudando a mellorar a conciliación da vida familiar e laboral dos pacientes e do seu entorno.