O sector vitivinícola galego exportou máis de 6 millóns de litros o ano pasado

image_gallery

 

O sector vitivinícola galego exportou máis de 6 millóns de litros o ano pasado. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, no seminario WINEtech Plus: Novos camiños para a viticultura e a enoloxía, organizado polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL) e a Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA).

Rosa Quintana destacou o labor das 5 Denominacións de Orixe dos viños galegos, “que se converteron nun dos principais motores económicos do medio rural”, dixo. Neste sentido tamén reiterou que o ano pasado o sector vitícola galego produciu 35 millóns de litros de viño cualificado e facturou preto de 150 millóns de euros. Tamén fixo fincapé nas 17.500 persoas que teñen o sector vitícola como medio de vida. “Non hai dúbida de que imos polo bo camiño e tampouco hai dúbida de que este é un sector en auxe”, sinalou.

A titular de Medio Rural e Mar agradeceu o traballo do sector vitícola e sinalou que proxectos coma este traen resultados positivos e achégannos ao rumbo da Unión Europea porque “Galicia non pode ser allea ás suxestións e demandas da UE se queremos seguir contando cun sector forte e competitivo, capaz de exportar a todo o mundo”.

Proxecto WINETech PLUS

No encontro, que se celebra hoxe e mañá na sede da Fundación FEUGA, daranse a coñecer os resultados obtidos co proxecto WINETech PLUS e farase unha reflexión sobre a situación actual do sector e sobre as alternativas de futuro. Este seminario realízase co obxecto de informar sobre experiencias desenvolvidas noutras rexións vitivinícolas, presentar liñas de traballo con potencial para a súa aplicación en Galicia, facilitar o contacto con entidades de apoio ao sector e xerar unha reflexión sobre a situación do sector a nivel rexional e europeo.

Este encontro realízase ao abeiro do proxecto WINETech PLUS, un Proxecto Europeo de Cooperación Transnacional no Espacio Sudoeste (SUDOE) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER). A rexión SUDOE representa preto do 25% da superficie de viñedo europeo e está formada por Galicia, La Rioja, Castela e León e Castela A Mancha, en España; Alentejo e Región Norte, en Portugal; e Languedoc-Roussillón, Midi-Pyrénées e Aquitaine, en Francia.