image_gallery

 

O sector vitícola galego comercializou o ano pasado máis de 35 millóns de litros de viño, augardente e licor. Así o destacou esta mañá o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, na inauguración da VI edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade-Vinis Terrae.

O secretario xeral sinalou que eventos coma este convértense en centros de negocios e permiten reunir a distintas denominacións de orixe e adegas baixo un mesmo teito. Reiterou que para a Xunta de Galicia é fundamental apoiar a comercialización dos produtos da vide e por iso “unha das nosas prioridades é impulsar a súa proxección exterior a través da promoción de mercados e feiras como a que hoxe nos reúne”, dixo Fernández-Couto, ao tempo que recalcou que o futuro deste sector pasa pola exportación.

Fernández-Couto explicou que “non hai dúbida de que a viticultura e a enoloxía de Galicia constitúen un fenómeno de trascendencia internacional que traspasa fronteiras”. Neste sentido fixo fincapé nas cinco Denominacións de Orixe vitícolas e na de augardentes que hai na nosa Comunidade e que contribúen a consolidar o prestixio e calidade dos nosos produtos.

Vinis Terrae

O salón Vinis Terrae celébrase en Expourense hoxe e mañá. Neste encontro pequenas e medianas adegas adscritas ás denominacións de orixe Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, e Aguardentes e licores Tradicionais de Galicia exporán as calidades dos seus produtos. Esta edición da feira contará coa presenza de preto dun cento de importadores e compradores de 19 países que terán a oportunidade de coñecer as últimas anadas das 80 adegas adscritas ás cinco D.O. galegas.

Vinis Terrae busca facilitar a comunicación entre os produtores galegos e os comercializadores españois e internacionais co fin de que acaden acordos comerciais que lles permitan situar os viños e licores nos seus mercados.