O sector agrícola e gandeiro galego beneficiarase de máis de 160 millóns de euros en axudas da PAC no 2015
O sector agrícola e gandeiro galego beneficiarase de máis de 160 millóns de euros en axudas do primeiro piar da Política Agrícola Común (PAC) no 2015. Así llo trasladou esta mañá a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, aos representantes das entidades de aconsellamento. A xuntanza, que tivo lugar esta mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), produciuse no marco do convenio de colaboración asinado entre estas entidades e o FOGGA, para a tramitación da solicitude unificada das axudas da PAC.
A directora xeral de Produción Agropecuaria describiu os aspectos máis salientables da campaña deste ano. Así, dixo que para o novo período as principais axudas serán para o pago básico, para o pago verde e para o pago a agricultores mozos. Tamén explicou que terán moita importancia as achegas asociadas ás explotacións de vacún de leite, vacas nutrices, animais bovinos para cebo, explotacións de ovino e cabrún, indemnizacións compensatorias e agricultura ecolóxica.
Patricia Ulloa trasladou que a campaña de solicitude da PAC comeza o vindeiro 1 de marzo e rematará o 15 de maio. Neste sentido, dixo que previamente se realizarán cursos de formación destinados ás propias entidades de aconsellamento colaboradoras, co fin de que asesoren aos agricultores no seu procedemento de solicitude.
Na xuntanza tamén se lle trasladou aos representantes destas entidades que nesta nova campaña de solicitude da PAC se vai empregar unha nova aplicación informática, que permitirá que as entidades de aconsellamento poidan axudar aos agricultores coa súa solicitude unificada.