O proxecto de cooperación transfronteriza Chaves-Verín é finalista nos premios Regiostars 2015
O proxecto galego de cooperación transfronteriza entre os concellos de Chaves e Verín optará na final a un dos premios Regiostar 2015. Uns galardóns que distinguen aos proxectos, financiados polos fondos da política de cohesión da UE (POCTEP), máis innovadores e prometedores de Europa.
Ademais, os Regiostars recoñecen as boas prácticas de desenvolvemento e destacan os proxectos orixinais ou programas de apoio que podan ser un modelo para outras rexións e xestores de proxectos de cooperación.
A Eurocidade Chaves-Verín, que compite con outras cinco iniciativas finalistas de Suecia, Francia, España e unha cooperación entre cidades de Suecia e Noruega, foi financiada polo POCTEP 2007/2013 con preto 1,4 millóns de euros. Foi seleccionada para a final, despois de que o xurado independente, presidido polo deputado do Parlamento Europeo, Lambert van Nistelrooij, valorara positivamente o impacto que tivo a colaboración entre as dúas localidades, en ámbitos como o económico, o social, cultural, ambiental e por suposto o institucional. Os membros do xurado subliñaron tamén como importantes logros, os acadados no desenvolvemento de estruturas de cooperación e desenvolvemento conxunto en diversas áreas; mocidade, comercio, deporte, turismo.
O proxecto galego participa nunha das catro categorías, a Citystar, que pon en valor a transformación das cidades para enfrontarse a retos futuros. As outras tres categorías están centradas na promoción do potencial de crecemento das medianas e pequenas empresas, “Crecemento Intelixente”, na mobilización de investimentos en eficiencia enerxética para o beneficio dos cidadáns e da sociedade, “Crecemento Sustentable” e, por último, na integración social para persoas en risco de exclusión, “Crecemento Inclusivo”.
Os catro gañadores de cada unha das categorías, coñeceranse a mediados de outubro, durante a celebración dos OPEN DAYS, a Semana Europea das Rexións e Cidades, en Bruxelas.