O proxecto audiovisual ‘La Plantación’ impulsa a creatividade nos ámbitos da imaxe, a literatura e o pensamento

O proxecto audiovisual 'La Plantación' impulsa a creatividade nos ámbitos da imaxe, a literatura e o pensamento

 

O Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do proxecto audiovisual «La Plantación», unha iniciativa promovida pola especialista en audiovisuais Elisa Pereira que ten como obxectivo impulsar a creatividade e a formación nos ámbitos da imaxe, a literatura e o pensamento. Por medio de obradoiros que contarán coa presenza de destacados expertos o proxecto vaise desenvolver en formato de talleres formativos curtos e longos que pretenden afondar nas temáticas que abranguen a creatividade dende diferentes puntos de vista, como poden ser a filosofía, as letras, a psicoloxía e a imaxe.

O acto de presentación contou coa presenza, ademais de Elisa Pereira, do director do Centro Cultural «Marcos Valcárcel», Francisco González; do asesor de Cultura da Deputación, César Fernández, e dos propietarios da «Casa dos Muros», o establecemento onde se van a impartir algúns dos talleres, situado en Ferreira de Pantón.

César Fernández destacou a importancia de desenvolver iniciativas como esta que promovan o achegamento do coñecemento e o fomento de movementos culturais, un proxecto que se inicia os vindeiros días 24 e 25 de outubro cun taller de «Fotografía documental», impartido por Jon Cazenave, que terá lugar no Centro Cultural «Marcos Valcárcel». De seguido, no mes de novembro, os días 21 e 22, desenvolverase o obradoiro de vídeo sobre «Materialización da imaxe», a cargo de Lois Patiño, quen afondará nos aspectos da investigación da imaxe. E no mes de decembro, os días 12, 13 e 14, terá lugar un taller de cinema sobre «Representación da realidade», impartido polo cineasta José Luis Guerín, quen abordará as temáticas do tempo, o espazo, o movemento e a posta en escena.