O programa para o fomento das fontes renovables impulsa 300 proxectos que xerarán un aforro económico de 6 millóns na vida útil dos equipos
A Consellería de Economía e Industria, na súa aposta polo emprego das fontes renovables e pola eficiencia enerxética, vén de resolver a orden de apoios para proxectos de enerxías renovables, que permitirá impulsar preto de 300 proxectos que xerarán un aforro económico conxunto de 6 millóns de euros durante os quince anos de vida útil dos equipos.
Este programa de actuacións, promovido polo Inega e cuxa resolución publica o venres o DOG, contempla tres liñas centradas na instalación de equipos de xeotermia, aerotermia e solar térmica, que mobilizarán un total de 3,5 millóns de euros. Os beneficiarios son empresas, concellos e particulares, contribuíndo a reducir a factura enerxética das familias e do sector público, así como os custos de funcionamento das empresas para mellorar a súa competitividade.
Os beneficiarios da orde, como sucede coas de caldeiras de biomasa, poderán solicitar a dedución do 5% na súa declaración da renda, establecida polo Goberno galego para fomentar a instalación de equipos que empreguen fontes renovables
No marco da iniciativa, encádrase o plan específico para a implantación de equipamentos de xeotermia, que impulsa o uso dunha enerxía barata e autóctona que busca, por unha parte, xerar valor e emprego, e que supón unha redución da dependencia enerxética dos derivados do petróleo.
Neste senso, cabe dicir que unha instalación de xeotérmica permite aforros económicos que chegan ata o 70% en comparación con outras fontes de enerxía. Desde xeito, un destes equipos diminúe en máis de 700 euros o gasto en combustible nunha economía familiar con respecto ao gasoleo, cifra que se sitúa en torno a uns 12.000 euros para unha comunidade de propietarios.
Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética na Vivenda Galega 2015, que está a desenvolver a Xunta de Galicia e que beneficiará este ano a preto de 3.000 fogares galegos. A través deste plan, sumado á orde de axudas para a instalación de caldeiras de biomasa, o Goberno galego contribúe a o aforro e a eficiencia enerxética nos nos fogares, nas empresas e na administración pública.