O programa ‘Danza 3’ da Consellería de Cultura e Educación estará en O Barco

Foto archivo

Foto archivo

O programa de difusión da música e a danza tradicionais ‘Danza 3’, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza xunto ás agrupacións Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, O Fiadeiro de Vigo e Xacarandaina da Coruña, entra na recta final da súa edición de 2014 con catro novas actuacións entre as que se atopa O Barco de Valdeorras, que neste ano e a localidade que pecha as representacións.

A cita vai ser o vindeiro sábado día 11 de outubro ás 22:00h.

Os músicos e integrantes dos corpos de baile destas tres agrupacións, que se sitúan entre as de maior prestixio e actividade a prol da cultura tradicional en Galicia, protagonizan este circuíto que, baixo o lema ‘Folclore na rúa’, leva xa realizado desde o pasado 17 de agosto cinco representacións en Celanova, Noia, Xove, Sada e Rianxo.

O obxectivo desta programación –para a que se conta ademais coa colaboración dos concellos participantes– é transmitirlle á sociedade a esencia e a riqueza das nosas danzas, así como das músicas que as acompañan e do vestiario co que se poñen en escena. Con esta finalidade, as agrupacións exhiben a pé de rúa unha proposta artística específica para cada espazo, a través da que se busca implicar o público e conseguir un espectáculo único, espontáneo e persoal.

Contribúese, deste xeito, á divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial, tarefa na que estas tres formacións veñen traballando intensamente desde a súa fundación. De feito, e unidas como colectivo baixo as siglas XOC, Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos son as impulsoras da proposta para lle solicitar á Unesco a declaración do baile galego como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

También te podría gustar...