O presidente da Deputación na exposición sobre as «Letras Galegas» do Colexio Padre Feijoo-Zorelle, que conmemora os seus 50 anos

  • Manuel Baltar visita a exposición sobre as «Letras Galegas» no Colexio Padre Feijoo-Zorelle, que conmemora os seus 50 anos
  • A Mostra, realizada polos alumnos do centro, baséase na publicación Augas e literatura na ourensanía, editada pola Deputación de Ourense, un manual que recolle unha escolma de 13 autores ourensáns

0 0 0 0 MB e Col Pad Feijjoo Zorelle may16

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou a exposición que con motivo do «Día das Letras Galegas» organiza o Colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense, dentro das actividades organizadas para conmemorar o día grande do noso idioma e os 50 anos de existencia deste centro educativo da capital ourensá. Manuel Baltar estivo acompañado polo director do colexio, Honorato Losada Zorelle, e polas coordinadoras da exposición, Ángela Pérez Navarro e Ana Losada Pérez.

A exposición amosa o traballo realizado polos alumnos do centro para conmemorar a efemérides das «Letras Galegas», un labor de promoción do idioma galego que a Deputación de Ourense achegou nesta edición a máis de 8.200 escolares e profesores de 65 centros educativos da provincia de Ourense, «co obxectivo de seguir potenciando a nosa lingua, que debe estar en constante proceso de modernización, renacendo todos os días». De aí que Baltar considere que este labor «é unha homenaxe ao noso idioma, para que os máis novos sigan manténdoo vivo, e para que todos continuemos a promover aos autores da nosa literatura e, sinaladamente, a aqueles da nosa provincia».

A exposición do Colexio Padre Feijoo-Zorelle exhibe os traballos que os alumnos realizaron baseándose na publicación Augas e literatura na ourensanía, editada pola Deputación de Ourense, un manual que recolle unha escolma de 13 autores ourensáns, entre eles Curros Enríquez, Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Pura e Dora Vázquez e Filomena Dato, tendo a auga como fío condutor, como esencia e orixe de Galicia. O manual conta cunha biografía de cada autor, un retrato de cada un deles (obra de Suso Cubeiro), e unha escolma de textos que este ano versan sobre as augas de Ourense.

A publicación tamén inclúe propostas de traballo recollidas nunha guía do profesorado, con pautas para utilizar a antoloxía, un material que contribúe ao currículo académico, con contidos centrados na realidade das letras da provincia de Ourense, e que supón tamén unha ferramenta de dinamización do traballo cultural nas aulas, como así o reflicte a exposición de traballos dos alumnos do Colexio Padre Feijoo-Zorelle.

También te podría gustar...