Pleno ordinario correspondente ó mes de decembro de 2014.

 

O pleno de decembro da Deputación de Ourense celebrado hoxe adoptou, entre outros acordos, a aprobación das bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provinciais durante o exercicio 2015, para o que a institución provincia destina un total de 360.000 euros.

Neste senso, o pleno aprobou inicialmente as bases reguladoras deste programa, cuxas bases teñen como obxecto bases a regulación da concesión de subvencións a concellos e mancomunidades da provincia de Ourense para o financiamento da prestación de servizos de limpeza da rede viaria local durante un período mínimo de tres meses.

A finalidade da subvención é colaborar economicamente cos concellos e mancomunidades no sostemento do servizo público de limpeza da rede viaria municipal. Esta colaboración condiciónase a que por parte dos concellos e mancomunidades se realicen labores de limpeza das marxes das vías provinciais e municipais, co obxectivo último de garantir o mantemento das vías en condicións axeitadas de limpeza e seguridade, dándolle ademais cumprimento ao establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas no presente Programa provincial de cooperación aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes e mancomunidades que cumpran os requisitos establecidos nas bases. A contía das subvencións que se concedan ao abeiro deste Programa de cooperación será para o exercicio 2015 de 4.500 € como máximo, con destino ao financiamento dos gastos subvencionables de prestación do servizo.