O Plan de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas beneficiará a preto de 3.000 fogares galegos este ano

image_gallery

 

A eficiencia enerxética e o impulso das fontes renovables configúranse como dous dos piares básicos de actuación na política enerxética do Goberno galego. Por este motivo, e como informou hoxe o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, a Consellería de Economía e Industria activa este ano un innovador plan de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas galegas co obxectivo de “mellorar pautas de consumo e contribuír á diminución da factura enerxética das familias”. Neste sentido, explicou, o novo plan chegará este 2015 a “2.795 fogares galegos, que mellorarán a súa eficiencia enerxética cos conseguintes beneficios económicos e melloras medio ambientais”

Para acadar este obxectivo, sinalou Bernardo Tahoces, destinaranse preto de 5 millóns de euros a posta en marcha de distintos programas que se encadran en dous campos de actuación: a mellora das infraestruturas cara a construcións máis eficientes e o emprego de fontes de enerxía renovables. “Ao longo deste ano, mobilizaremos 13,5 millóns de euros contribuíndo á mellora da eficiencia enerxética das vivendas galegas”, incidiu Bernardo Tahoces, quen indicou que o gasto en enerxía das familias galegas representa máis do 14% do consumo enerxético de Galicia.

“O desenvolvemento de todas as actuacións permitirá acadar un aforro económico conxunto de 3 millóns de euros ao ano entre as familias galegas, evitándose a emisión á atmosfera de máis de 10.000 toneladas de CO2 por exercicio”, subliñou o director xeral. Uns obxectivos compatibles co estímulo da innovación nas tecnoloxías vinculadas coas enerxías renovables, coa dinamización de sectores vinculados á construción e coa creación ou mantemento de arredor de 230 postos de traballo.

Construcións máis eficientes

No eido relativo á mellora das infraestruturas inclúese unha nova convocatoria do Renove de Lousa, Granito e Tella, publicada hoxe no DOG. O programa destina 600.000 euros aos diferentes sectores relacionados coa pedra ornamental, achegando apoios que cobren ata o 30% do total do custo subvencionable por proxecto, e que permitirán mobilizar un total de 3 millóns impulsando actuacións que contribuirán a diminuír o gasto enerxético nos fogares.

Así mesmo, nas vindeiras semanas activarase unha liña para a renovación de fiestras, que contará con 1,5 millóns e apoios de 100 euros por metro cadrado de oco, cun límite do 25%, de cara a incentivar a rehabilitación destes ocos acristalados das fachadas, acadando melloras significativas co conseguinte aforro en termos económicos.

O Plan facilitará tamén á renovación de ascensores pertencentes a comunidades de propietarios. “Estas máquinas teñen un uso intensivo e supoñen unha parte importante do consumo enerxético dun edificio”, apuntou o director xeral. Así, o mercado actual ofrece aparellos máis seguros e eficientes que contarán, para a súa instalación, cun orzamento de 700.000 euros con axudas de ata o 50% do custo do proxecto. Unha orde que se complementa coa de caldeiras máis eficientes, de 500.000 euros con axuda de ata o 40%.

Fomento de equipamentos con fontes renovables

Pola súa banda, explicou Bernardo Tahoces, “o segundo eixo deste plan promoverá a instalación de equipamentos de xeotermia, solar térmica e aerotermia no rural galego”. Neste sentido, activarase, cun millón de euros, o plan específico para a implantación de equipamentos de xeotermia, que permite impulsar instalacións que xeran aforros económicos de ata o 70%. O programa conta cun orzamento dun millón e apoios do 30%. Ao mesmo tempo, inclúese unha orde específica para a instalación de equipamentos térmicos de solar térmica e aerotermia que contan con máis de 300.000 euros para fomentar a súa instalación, con axudas de ata o 30% do custe do proxecto.

Os beneficiarios de ambas liñas, como sucede coas caldeiras de biomasa, poderán solicitar, ademais, a dedución do 5% na súa declaración da renda, establecida polo Goberno galego para fomentar a instalación deste tipo de equipamentos que empregan fontes renovables.

A aposta pola biomasa
“Mantemos así a aposta polas fontes renovables, como xa estamos a facer coa Estratexia integral de impulso da biomasa”, destacou Bernardo Tahoces. Neste contexto, o director xeral apuntou que, ante a boa acollida da liña para a implantación de caldeiras de biomasa, vense de ampliar a orde en 2,6 millóns de euros, ata chegar aos 12 millóns, o que permitirá a instalación de máis de mil equipamentos de biomasa en familias, empresas e administración pública galega.

Co Plan de aforro e eficiencia enerxética en vivendas sumado á orde de axudas para a instalación de caldeiras de biomasa, o Goberno galego está destinando un total de 16,5 millóns ao aforro enerxético en 2015. Un investimento que permitirá mobilizar 37 millóns e xerar un aforro económico global de 8 millóns de euros nos fogares, nas empresas e na administración pública.