1Presentacion.do.observatorio.economico.4

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o 5º informe do Observatorio Económico Ourensán, unha ferramenta que a institución provincial desenvolve para a análise económica, laboral, empresarial e social da situación económica da provincia ourensá nas súas comarcas. O Observatorio nace da implicación das institucións (Deputación e Inorde), a universidade e o ámbito empresarial, e na súa elaboración intervén un equipo multidisciplinar de profesionais e universitarios especializados, coordinados polo profesor José María Chamorro.

Este cuarto informe do Observatorio reflicte que o paro baixou nas 12 comarcas e en 82 concellos da provincia de Ourense, e que por primeira vez en sete anos as afiliacións á Seguridade Social crecen en taxa interanual en Ourense. Asemade, o informe sinala que Ourense é a provincia de Galicia con menor porcentaxe (3%) de peches de centros de traballo e que 82 municipios presentan hoxe menos desempregados que hai un ano.

Manuel Baltar afirmou que si na presentación do mes de xuño “utilicei expresións como a da “rexeneración do emprego”, a do “cambio de tendencia” ou a da “ampliación do mapa provincial da recuperación”, nesta ocasión os cualificativos teñen que ser unha volta máis xenerosos, pois as series temporais confirman que o Observatorio Económico Ourensán tivo rigor ao presentar unha provincia en disposición de mudar cara á reactivación”. Baltar explicou que no segundo semestre do ano a provincia logrou “o fito tan esperado do crecemento das afiliacións. Ata o de agora, a súa evolución era o verdadeiro lastre e o persistente freo para a recuperación laboral e económica en Ourense. O gran desafío era facer coincidir no tempo a redución do paro, o auxe das afiliacións, o mantemento dos centros de traballo e a reactivación da gran maioría dos sectores produtivos. Pois ben, esa coincidencia que hai un par de anos semellaba un imposible xa está hoxe a protagonizar as táboas estatísticas na provincia”.

O presidente do goberno provincial subliñou que o Observatorio recolle que, por primeira vez en sete anos, “as afiliacións á Seguridade Social crecen en taxa interanual, despois de tocar fondo en 2013. Se ben é certo que ese repunte resulta moderado, hai que ter en conta o seu verdadeiro significado, xa que supón un cambio de tendencia que está chamado a consolidarse nos vindeiros meses. Estamos diante da primeira subida interanual das afiliacións de traballadores na provincia en todo o período da crise económica”.

Manuel Baltar destacou que Ourense “neutralizou tres anos de crecemento de paro na crise, xa que a cifra actual de parados (26.250) é semellante á que presentaba en outubro de 2011 e nunca antes houbo tantas comarcas e concellos con aumento neto no número de centros de traballo. Pero é igualmente seguro que nin pode decaer a vixilancia nin pode mandar só o optimismo. A crise aínda desconta en Ourense 14.000 empregos e 800 centros de traballo e impulsa unha bolsa de paro con 8.000 nomes de máis”, dixo.

Para dinamizar a economía e axudar a comprimir o paro -explicou o presidente-, “a Deputación de Ourense executou o Plan OURENSE 92, impulsou o Plan Termal e quen lles fala está a traballar en 40 medidas innovadoras e de futuro para esta provincia. Unha delas estará propiciada polo propio Observatorio, que o vindeiro ano incorporará un bloque de contidos dedicado á demografía e ás proxeccións de poboación”. Neste senso, o vindeiro mes de decembro, e por medio da Deputación, Ourense será a sede do Foro Redepyme, que organiza o Goberno de España e no que o obxectivo é facer da innovación unha tarefa doméstica entre os emprendedores e os empresarios deste país.

Baltar concluíu afirmando que dos datos que hoxe presentamos “emana futuro para unha provincia que rexeita o vitimismo e para un territorio acostumado a poñer en práctica a esencia do empredemento; unha provincia e un goberno que fan da transparencia a súa liña estratéxica institucional básica”, e anunciou que nos vindeiros días asistirá en Bruxelas convidado, polo Comité das Rexións ao I Cumio de gobernos locais intermedios de Europa, onde exporá as súas liñas programáticas nos ámbitos da e-administración, a competitividade a enerxía e o medio ambiente.

Cambio de tendencia

Os diferentes bloques de análise do Observatorio coinciden nunha mesma realidade, a do cambio de tendencia desde os números negativos aos positivos, especialmente nas variables máis relacionadas co ámbito laboral. Como primeira novidade en toda a serie da crise, destaca o crecemento das afiliacións en taxa provincial a doce meses, cunha subida do 1,1%, moi en liña coa taxa media de Galicia.

Todas as comarcas, agás Terra de Caldelas, contribuíron a propiciar ese cambio de tendencia nas afiliacións. Se desde 2007 só houbo tres antecedentes de comarcas con aumento interanual de afiliados, na actualidade son once as que están a tirar do emprego, con Verín (2,8%) e Terra de Celanova (2%) á cabeza.

Os bos datos do último ano fixeron posible que Ourense recupere, en competencia con Lugo, o segundo posto entre as provincias galegas con menor perda de afiliados durante a crise, un 12,5% no caso ourensán. E con esta progresión, Verín e Viana están en disposición de ser as primeiras zonas en ter máis afiliacións que antes da crise, circunstancia que segundo o Observatorio podería darse no segundo semestre de 2015.

Menos paro nas doce comarcas

En doce meses, o paro pasou de reducirse na provincia de Ourense a un ritmo do 1,1% a comprimirse ao 9%. En comparación co mes de maio, data do anterior Observatorio, a melloría foi de dous puntos porcentuais. Por segundo semestre consecutivo, a taxa diminúe en cada unha das doce comarcas ourensás. Tres delas mesmo están conseguindo acortar o paro a unha velocidade superior ao 15%, e outras dúas, A Limia e O Ribeiro, lógrano ao 13 e ao 11,5%, respectivamente.

No que atinxe aos concellos, a evolución resulta aínda máis gráfica. O paro interanual xa só sube en oito municipios da provincia, cifra totalmente descoñecida ata o de agora e oposta á situación anterior. O primeiro Observatorio identificaba, a finais de 2012, os once primeiros municipios en saldar doce meses con descensos do paro. En novembro do ano pasado eran 53 e en maio de 2014 ascendían a 64, dezaoito menos que na actualidade (dous municipios presentan taxa de variación igual a cero).

O Observatorio da Deputación salienta ademais que en 40 concellos ourensáns a redución do paro interanual acada o dobre díxito, entre eles seis das doce cabeceiras comarcais, lideradas por Bande (-19%) e O Barco de Valdeorras (-17%).

Na serie acumulada, é a primeira vez que o incremento do paro provincial non supera o 30%, logo de acortarse en 18 puntos porcentuais no último ano. A Baixa Limia convértese na primeira comarca en rexistrar menos parados que antes do inicio da crise, privilexio ao que tamén está a piques de sumarse a veciña Terra de Celanova, que xa só reflicte un incremento acumulado do 3%.

A nova máis negativa é a que sinala que as zonas da provincia que aínda presentan os maiores aumentos do paro desde o comezo da crise, xunto con Allariz-Maceda, son precisamente as que xeran os mercados laborais máis dimensionados: Valdeorras, Ourense e Carballiño.

En canto aos concellos, dez asinan baixadas no número de parados desde 2008, fronte a só tres do semestre anterior. En senso oposto, trece arrastran aínda subidas superiores ao 50%.

Auxe dos centros de traballo

A cifra de centros de traballo aumentou en 2013 -último dato actualizado- en cinco comarcas en comparación co ano anterior. En Terra de Caldelas e Viana as alzas superan o 6%, na Baixa Limia acadan o 2,5%, en Verín o 1% e na Limia o 0,3%. A comarca de Ourense, que concentra o 52% das unidades locais da provincia, empeorou a perda neta de centros, que nun ano pasou do 0,3 ao 1,3%. E a mesma situación deuse tamén en Valdeorras.

Sen embargo, ao desagregar por concellos detéctase un moderado aumento dos que conseguen ampliar os seus censos de centros de traballo. Son 36 en total, nove máis que no ano anterior. Cinco das cabeceiras de comarca presentan taxa de variación positiva, con máis negocios que un ano antes: Bande, Castro Caldelas, Viana, Ribadavia e Verín.

En conxunto, a provincia de Ourense salda a crise cunha diminución do 3% dos centros de traballo desde o ano 2008, cando Galicia perdeu unha media do 4,5%. A proporción ourensá equivale á desaparición neta de 830 centros e a da comunidade galega achégase a 11.000, segundo datos do Observatorio.

3.500 empregos tecnolóxicos

A ferramenta de análise económica e laboral da Deputación de Ourense reconta na actualidade un total de 3.482 empregos tecnolóxicos nesta provincia. En comparación co estudo realizado a finais de 2012, sitúa un case inapreciable repunte do 0,3%.

Aínda que a gran maioría das comarcas presentan incrementos significativos de emprego tecnolóxico, con subidas superiores ao 20% en Valdeorras, Allariz-Maceda, A Limia e Terra de Celanova, a evolución da comarca de Ourense -cun descenso do 12% en dous anos- lastra os resultados provinciais. Só outra comarca transitou igualmente en taxa negativa, Viana, coa maior caída (-14%) en termos proporcionais.

A nivel de agrupacións, os sectores manufactureiros de tecnoloxía alta e media-alta creceron nese período un 2,4%, mentres que os servizos de alta tecnoloxía ou punta reduciron nun 5,5% o número de afiliacións.

Contrastes xeográficos na industria

No último ano e medio -comparativa industrial entre Observatorios- a penas ten mudado a dimensión laboral da industria en Ourense. Hai 18 meses, contabilizábanse 15.501 empregos industriais, só 16 menos que a cifra actual. É dicir, a fotografía que mostra hoxe a provincia é prácticamente a mesma que a que presentábamos en maio de 2013. Das doce ramas industriais, só tres conseguen impulsar as afiliacións de traballadores. No mapa provincial temos que sete comarcas incrementan o número de empregos dependentes da industria, con destacadas subidas proporcionais para Terra de Caldelas (42,1%), Carballiño (19%) e O Ribeiro (14%). Ao igual que no sector tecnolóxico, a comarca de Ourense perde empregos, en concreto cun descenso do 4,6% nas afiliacións, que pasan de 8.595 a 8.198.

Cabe salientar o forte incremento experimentado pola comarca de Carballiño na rama de maquinaria e equipo mecánico, co 63% de subida, así como o aumento do 54% das afiliacións na alimentación, bebidas e tabaco en Valdeorras e do 40% dentro do mesmo grupo de produtos no Ribeiro.

As afiliacións á Seguridade Social no sector servizos aumentaron un 2,0% (pasaron de 37.700 a 38.450) na provincia de Ourense durante o último ano. Todas as ramas de actividade experimentaron un crecemento, salvo a de información e comunicacións (-1%), se ben é a que ten menos peso. Polo contrario, houbo auxes nas actividades profesionais, científicas e técnicas (5,4%) e nas actividades administrativas e servizos auxiliares (4,5%). As ramas con máis dimensión na provincia, a hostalaría e o comercio, creceron un 2,1 e un 0,9%, respectivamente.

A nivel comarcal, volveu a repetirse o contraste entre a área metropolitana de Ourense e o resto da provincia, xa que a primeira sufriu un recorte do 3,7% no emprego ligado ós servizos e acusou perda de afiliacións en todas as agrupacións, mentres que no resto das comarcas deuse un aumento na práctica totalidade dos subsectores.

A comarca de Ourense concentra o 52,7% das afiliacións provinciais dos servizos. Por actividades, o comercio e a hostalaría xeran dúas de cada tres altas. O primeiro ten unha contribución do 46,2% e a segunda do 20,6%. Este mesmo patrón tamén se repite a nivel comarcal, cunha media do 70% do emprego local dos servizos focalizado no comercio e na hostalaría.