O novo Plan de Financiamento Universitario estará dotado de 2.470 millóns de euros, un 17,3% máis que o anterior, e establece un reparto de fondos que primará os resultados

image_gallery (1)O Goberno galego e mailas tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) están a ultimar o novo Plan de Financiamento Universitario 2016-2020, que contará cunha dotación orzamentaria inicial de 2.470 millóns de euros de financiamento público, o que supón un incremento do 17,3% con respecto ao Plan que agora expira.

Os conselleiros de Facenda e de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Valeriano Martínez e Román Rodríguez respectivamente, mantiveron esta tarde unha reunión de traballo cos reitores da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto; da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; e da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; para perfilar este novo marco financeiro que rexerá no próximo quinquenio.

Ademais dunha dotación económica global máis elevada que, segundo explicou posteriormente en rolda de prensa o conselleiro Román Rodríguez, non é unha cifra pechada, “senón que é posible que se incremente coa captación de recursos externos”; increméntanse nun 5% as contías das partidas propias do Plan xa desde o primeiro ano, ao pasar de 374,22 millóns de euros en 2015 a 393,44 millóns en 2016.

Así mesmo, outra das principais novidades que introduce este Plan é un novo reparto de fondos. A nova folla de ruta financeira universitaria articularase en torno a dous grandes fondos: o financiamento estrutural e o financiamento por resultados.

Financiamento estrutural
Este fondo representará inicialmente o 66,6% do total e partirá cunha base de 237,75 millóns de euros para o vindeiro ano 2016. Reflicte o custo estimado das necesidades de persoal docente e administrativo para a prestación dos servizos dun xeito eficiente, partindo de criterios de custo estándar da docencia. O importe de dito custo calcúlase en función do número de alumnado matriculado en cada materia de grao e mestrado.

Por tanto, elimínanse os criterios históricos, e o alumnado real, xunto coa oferta de créditos matriculados, convértese no criterio básico deste fondo.

Financiamento por resultados
Representará inicialmente o 33,4% do financiamento restante, aínda que o obxectivo final é ir acadando de xeito progresivo o 40% do total en función da evolución de indicadores académicos, de investigación e de transferencia.

Dentro deste montante, introdúcense obxectivos de mellora da calidade co fin de avanzar na cooperación interuniversitaria, na especialización dos campus, nos idiomas ou na mellora de rankings, entre outros. Tamén se prevé a incorporación de sexenios e complementos retributivos autonómicos correspondentes a méritos individuais.

Non obstante, -tal como expuxo Román Rodríguez ao final da reunión-, haberá flexibilidade entre estes dous grandes fondos, unha cuestión novidosa con respecto ao plan actual e que garante a blindaxe da cantidade global. Isto é, se hai un decrecemento no fondo estrutural por razóns diversas, este verase compensado co fondo de resultados e viceversa.