• Esta publicación, a primeira das súas características en España, ten como obxectivo “seguir modernizando a institución, situándoa á vangarda dos gobernos provinciais do Estado”, explicou Manuel Baltar
  • O manual, que foi entregado hoxe aos grupos políticos do ente provincial, inclúe información histórica sobre a deputación e capítulos relativos a Política institucional, programas, Carta de Servizos, normativa e regulamentos

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou esta mañá o “Manual do deputado e deputada”, unha ferramenta para mellorar o labor político, dentro do proceso de actualización administrativa que está a desenvolver o ente provincial. A publicación, a primeira das súas características en España, ten como obxectivo “seguir modernizando a institución, situándoa á vangarda dos gobernos provinciais do Estado”, explicou Manuel Baltar na presentación. O manual, que foi entregado hoxe aos grupos políticos do ente provincial, inclúe información histórica sobre a deputación e capítulos relativos a Política institucional, programas, Carta de Servizos, normativas e regulamentos.

Manuel Baltar, na presentación do Manual do deputado e deputada

Manuel Baltar, na presentación do Manual do deputado e deputada

O presidente do goberno provincial salientou que o Manual “foi un compromiso explicitado por el no primeiro Debate sobre o Estado da Provincia, en novembro de 2014. “Pretendemos que este documento sirva como primeiro achegamento da institución aos cargos electos respecto da evolución histórica desta administración e do seu goberno, así como das partes máis salientables que a regulan xuridicamente, das normas propias e dos seus obxectivos e funcións”.

“É unha fiestra aberta ao coñecemento da Deputación de Ourense, ao servizo das veciñas e veciños da nosa provincia”, comentou Manuel Baltar, engadindo que este é “un documento vivo, suxeito ás achegas que convido a propoñer e ás actualizacións que serán precisas coas eventuais modificacións legais que teñan lugar. Porque a deputación facémola entre todos, e a nosa provincia de Ourense facémola xuntos”.

O contido do Manual –que xunta tamén toda a información nun lapis dixital- abrangue, ademais de datos históricos do ente provincial, información sobre procedemento electoral, constitución de órganos provinciais, Estatuto das deputadas e deputados, e obrigas e competencias dos cargos electos. Tamén describe a presenza da Deputación de Ourense noutras entidades.

No capítulo de Programas inclúe información sobre “Ourense provincia intelixente”, “Ourense provincia termal”, “Ourense provincia sostible”, “Plan Transforma Ourense”, Observatorio Económico Ourensán, Plan de Obras, BenOurense, Plan estratéxico de subvencións e información sobre o apoio e impulso da candidatura para que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio da Humanidade, xunto con información sobre o Plan de Goberno Ourense 15-19 e os consorcios de augas de Valdeorras e o do Servizo contra incendios.

No Anexo o Manual recolle información sobre normativas, regulamento orgánico, modelos de moción e pregunta, rexistro de bens patrimoniais e rexistro de incompatibilidades, xunto coa Carta de servizos, o Código ético, a Ordenanza de transparencia e un directorio telefónico.