O Instituto de Estudos do Territorio destaca a importancia da catalogación das paisaxes galegas como vía para acadar a mellor xestión dese patrimonio colectivo

xunta-de-galicia-300x135A directora do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Inés Santé, defendeu onte a importancia da elaboración do Catálogo das paisaxes galegas para acadar a mellor xestión deste patrimonio colectivo. Así o manifestou durante a súa intervención esta mañá no curso de verán organizado pola Universidade de Santiago baixo o lema “Que facer coa terra que temos? Desafíos da propiedade e uso da terra en Galicia’, e que se celebrou no Campus de Lugo.

Nesta xornada na que se deron a coñecer experiencias dos cidadáns para mellorar a xestión territorial e para difundir os principais cambios de uso na paisaxe de Galicia nas últimas décadas, ademais de reflexionar sobre os instrumentos legais e tecnolóxicos creados para a xestión territorial.

Santé explicou que o IET traballa conxuntamente co Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica de Lugo na elaboración do Catálogo das paisaxes de Galicia, un documento que supón un instrumento que contempla na Lei de Protección da Paisaxe de Galicia para a ordenación e xestión do mesmo.

Inés Santé lembrou que Galicia é unha das tres comunidades autónomas que conta cunha lei específica sobre paisaxe e que, en cumprimento da mesma, a Xunta realizou xa a delimitación das grandes áreas paisaxísticas da Autonomía, dividindo esta en 12 grandes áreas paisaxísticas e 50 comarcas.

Así mesmo, informou de que o traballo do Instituto de Estudos do Territorio está centrado na actualidade na identificación e caracterización de todas as paisaxes galegas, un traballo que se prevé rematar este ano. Salientou a importancia da participación pública no proceso de elaboración do Catálogo, polo que avanzou que se solicitará a colaboración de todos os galegos, co fin de que aporten o seu coñecemento do territorio e a súa valoración.

Para avanzar nese proxecto, Inés Santé explicou que o IET traballa na identificación dos diferentes tipos de paisaxe que existen en cada área; no inventario dos valores paisaxísticos de cada unha desas áreas; na análise das causas que determinaron a existencia deses tipos de paisaxe, daquelas que inciden hoxe sobre os elementos da paisaxe e a súa evolución futura prevista; un diagnóstico do estado actual da paisaxe e cada área; e a delimitación das unidades de paisaxe.

A directora do Instituto de Estudos do Territorio sinalou que a Lei contempla a posibilidade de que os catálogos poidan identificar zonas xeográficas como Áreas de Especial Interese Paisaxístico (AEIP). Nese sentido, afirmou que a súa delimitación é un dos grandes obxectivos do Catálogo, posto que servirán de base para a delimitación do solo rústico de protección paisaxística, tal e como establece a futura Lei do Solo.