alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaO Goberno galego –a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- reforza cada ano con 3 millóns de euros as bolsas destinadas aos universitarios galegos a través de liñas específicas de acción, todas elas encamiñadas a garantir a igualdade de oportunidades no acceso aos estudios superiores. Estas axudas complementan ás establecidas polo Ministerio de Educación.

O reforzo das bolsas para o estudantado, unido á conxelación das taxas nas tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) por terceiro ano consecutivo, reforzan o compromiso e a aposta do Goberno galego pola universidade como piar fundamental para o futuro social e económico da comunidade autónoma.

Unha das liñas máis destacadas é a destinada a estudantes Erasmus, que se incrementou nun 30% nos últimos dous anos de 1 a 1,3 millóns de euros. Outra das contías que máis medra son as bolsas de mobilidade para países extracomunitarios, cun 54% de crecemento, xa que se pasou dun orzamento de 100.000 euros a 154.000 euros neste curso.

Así mesmo a Consellería destina 800.000 euros a bolsas para inicio de estudos no SUG, así como a persoas desempregadas que se matriculen nun máster oficial e axudas á continuación de estudos. No caso do inicio de estudos, a Xunta da resposta ás necesidades do alumnado de grao universitario que non cumpre cos requirimentos académicos da convocatoria do Ministerio por ter unha media entre o 5 e o 5,5. Así mesmo impúlsase que os xa titulados complementen a súa formación con estudos oficiais de posgrao, facilitándolles o acceso aos mesmos ás persoas que se atopan en situación de desemprego co fin de que poidan ter maiores oportunidades de acceder ao mercado laboral.

Outra das liñas de axuda máis salientables son as bolsas por causas sobrevidas, que superan os 100.000 euros. O obxectivo destas bolsas é cubrir a necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada de múltiples causas (orfandade, falecemento pai/nai/titor legal, desemprego do sustentador principal, enfermidade grave, violencia doméstica, …). A Consellería cubre a totalidade das solicitudes que cumpran cos requisitos e a dotación económica asignada a cada beneficiario oscila entre unha contía mínima de 1.250 euros e unha máxima de 2.500 euros, en función dos limiares de renda per cápita establecidos.

Hai ademais axudas á segunda lingua e a premios de fin de carreira, entre outras, que fan que Galicia conte coa Universidade máis accesible de todo o territorio do Estado xa que o Goberno galego decidiu conxelar, por terceiro ano consecutivo, as taxas de matrícula de grao e máster das tres Universidades do SUG.

É dicir, que a Xunta, tal como ven facendo nos últimos anos, reforza o seu compromiso coa igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores para o vindeiro curso 2015-16.