O estado global do aire é “moi bo”

  • Medio Ambiente publicou o informe da calidade do aire de 2015, que cualifica o seu estado global como “moi bo”
  • O documento recolle tamén a evolución das emisións desde 2004, un período no que se detecta unha forte tendencia á baixa nas mesmas, relacionada fundamentalmente coas melloras tecnolóxicas derivadas da implantación das Autorizacións ambientais integradas
  • Durante 2015, o Goberno galego investiu máis de 700.000 euros para mellorar as estacións de calidade do aire de Galicia

 

aireA Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de publicar o Informe de calidade do aire en 2015, que se pode consultar completo na seguinte ligazón. O documento presenta a avaliación dos datos de contaminantes recollidos, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano pasado, a través da rede de 46 estacións de calidade do aire que existe en Galicia. De acordo con estes datos, e logo de comparalos cos criterios definidos pola lexislación vixente na materia, pódese cualificar o estado global da calidade do aire ambiente en Galicia durante o ano 2015 como “moi bo”.

Os valores de concentración de contaminantes no aire ambiente rexistrados nas estacións que conforman a rede -tanto nas urbanas como nas industriais, como nas de carácter fixo e móbil- cumpriron o ano pasado con todos os requisitos definidos pola lexislación aplicable para manter unha axeitada calidade do aire nas súas principais aglomeracións (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense), así como nas zonas rurais e industriais.

Este feito constatouse para todas as estacións e para os seguintes contaminantes atmosféricos: dióxido de xofre (SO2), óxidos de nitróxeno (NO2 e NOx), partículas (PM10 e PM2,5), ozono (O3), monóxido de carbono (CO), benceno (C6H6), benzo(a)pireno (B(a)P), metais pesados (arsénico, cadmio, níquel, e chumbo), fluoruro de hidróxeno (HF) e sulfuro de hidróxeno (H2S), coa única excepción do PM10 na estación Torre de Hércules.

A superación do valor límite diario de PM10 na Coruña débese a unha fonte natural, o aerosol mariño. O informe “PM10 e PM2,5 na Coruña en 2015 e a influencia do aerosol mariño. Superacións do VLD na estación 15030027 – Torre de Hércules (A Coruña). Ano 2015”, publicado tamén na páxina web de MeteoGalicia, analiza estas superacións a as súas causas.

En calquera caso, en ningunha ocasión se superaron os valores limiar de alerta para a protección da saúde.

O documento recolle tamén a evolución das emisións desde 2004, ano desde o que se detecta en Galicia unha forte tendencia á baixa nas emisións relacionadas, fundamentalmente, con melloras tecnolóxicas derivadas da implantación das Autorizacións Ambientais Integradas (AAI) e que se reflicten en novos procesos industrias máis limpos (substitución de combustibles, utilización de gas natural e novos ciclos combinados). Outros dos factores que inflúen na evolución está relacionado tamén coa actividade económica e o seu volume produtivo.

Novidades en 2015

En 2015, implantáronse melloras para seguir avanzando cara unha rede de calidade do aire cada vez máis eficaz e rigorosa. Entre eses avances, destaca o investimento de máis de 700.000 euros para mellorar e dotar de analizadores automáticos ás estacións de calidade do aire. A este investimento cómpre engadir os máis de 221.000 euros empregados no mantemento de dita rede.

Ademais, o ano pasado tamén se revisou a zonificación do territorio galego no que atinxe a avaliación da calidade do aire segundo o establece o Real Decreto 102/2011 de 28 de xaneiro, de mellora da calidade do aire. Como resultado desta revisión, implantouse unha nova definición de zonas de comportamento homoxéneo no tocante á dispersión de contaminantes atmosféricos, co fin de establecer áreas de calidade do aire equivalentes, para poder definir plans de actuacións específico para cada unha delas. O informe completo, cuxa maior novidade con respecto á zonificación anterior é que agora a zonificación realízase por contaminante, e pódese consultar tamén na web de Meteogalicia.

Tamén o ano pasado realizáronse outras actuacións, como unha nova rolda de auditorías nas instalacións industriais; a implantación da predición da contaminación atmosférica desagregada por concellos e a inclusión dun texto preditivo que se pode consultar na web, xunto coa predición do tempo; ou a realización de campañas de medida para a avaliación do benceno de Galicia ou para o cálculo do factor de corrección de partículas PM10 na estación da Torre de Hércules.

 

También te podría gustar...