Antes de adiantar toda unha morea de eivas sen cuxa solución axeitada dificilmente poderemos avanzar e progresar nos tempos a vivir, coido que sería conveniente fixar unhas premisas, a maneira de alicerces o condicións indispensables e ao fin de desenvolver o noso país no contexto da globalidade e da europeidade que tanto se espalla con verbas e discursos baleiros (mais non através de feitos concluíntes).
O Eixo Atlántico (ampliado):
A nosa rexión, polo que atinxe a espazo físico, abrangue terras bercianas, do leste ourensán e do sur lucense, vencelladas estreitamente por unhas cualidades comúns e, ante todo, por unha necesidade de loitar e conxurarse por acadar unha supervivencia doada no seo dunha estrutura económica mundial que esixe a unidade e a solidariedade nos eidos cultural, turístico, comercial, tecnolóxico, no apartado da construcción das plataformas de transporte e contemplando, por suposto, un tratamento acertado polo que fai á preparación da compoñente humana que vai ser esencial e fundamental a prol da creación dunha sociedade que aínda só se pode albiscar e apenas adiviñar.

Por conseguinte, por exemplo e polo que concerne ao Bierzo, a teima ten que encamiñarse á complementariedade e suma de sinerxias con outras plataformas ou enclaves veciños: o de Torneros, relativamente a carón de León, e o de Monforte de Lemos. É preciso ter en conta que nas producións semellantes deberíase tentar concluír acordos cos operadores de rotas marítimas e, asemade, terrestres (nomeadamente con Xixón, no caso das exportacións cara a Europa; con Vigo, nas comunicacións intercontinentais e con intermediarios locais, polo que se refire a Madrid e mailo resto de España).
Fai falla, por outra banda, planificar e estudar, agromando nunha análise real e de proxeccións cribles de futuro, os aspectos nos que se dan unhas proveitosas ventaxes comparativas e un percorrido posible co obxecto de artellar procedementos correctos de transformación de materias primas, derivándose dilo unhas producións dunha rendibilidade e aproveitamento remarcables.

 

10897824_767657733269827_5916302644362635693_n

A leria máis aconsellable segundo o meu parecer, porén, viría a dar un pulo á tarefa de pescudar na apertura de mercados, labor ao cal teñen que prestar unha atención especial as administracións á vez que facelo cun grande consenso de tódolos sectores con potencial de atracción no estranxeiro.

Ademais, ao mesmo tempo que se contemple o apartado económico, non convén esquecer o aspecto social e de conxunción e coligazón territoriais. Neste ámbito é de sinalar e subliñar que, si dispuxeramos dos mesmos servizos e investimentos que outras zonas máis poboadas i/ou privilexiadas, o retroceso e atraso que estamos a sufrir non sería tal magnitude. Entre outras deficiencias a arranxar, en canto ás súas plasmacións e urxencias actuais, pódense expoñer as seguintes: o complexo sistema comunicacións de transporte terrestres, a falta de infrastructuras tecnolóxicas e loxísticas, as conexións ferroviarias precarias, a localización afastada dos servizos estatais, rexionais e provinciais de calquera tipo que sexan, respecto á inexistencia de organismos administrativos e funcionais elementais, de maneira que cómpre sen demora encetar actuacións conducintes á mellora das prestacións asistenciais, á optimización das ferramentas que inflúen no benestar social: sanidade, educación terceira idade, dependencia,…, fixando entanto unha prioridade e medra nos orzamentos de fomento da investigación, desenvolvemento e innovacións, á promoción na procura do lanzamento de iniciativas que promovan o turismo rural, ecolóxico, enolóxico, de montaña e o que divulgue o disfrute dos nosos recursos diversos agochados nas redes naturais, ou acaídos e presentes naqueles programas que se centren no patrimonio histórico, monumental, artístico e inmaterial,… Noutro canto compriría fornecer un empuxe expoñencial ás cativas axudas dedicadas á economía sostible, á explotación das riquezas endóxenas, ao aforro e fontes xeradoras de enerxía, asemade que na laboura de implantación das limpas ou renovables,…

Para rematar este capítulo non está de sobra mentar certas condicións que axudarían a unha boa interconexión entre os estudos, carreiras e formación e os empregos, sempre partindo de datos e prognoses cara aos vindeiros anos: especializacións en parcelas de longo percorrido, adaptar as ramas do ensino profesional ás esixencias do mercado de traballo, o xurdimento de centros que servan de viveiros de empresas, a importancia crecente dos “bancos” de emprendemento, a posta en práctica das ideas levadas a termo polos xestores de proxectos, o uso do comercio electrónico e a distribución de mercadorías no seo da rede, a adaptación a metodoloxías e estratexias de publicidade nacentes e ás novidosas técnicas de venda,…

E, no derradeiro libramento, farase mentes aos problemas que xera o transporte intermodal e á chegada da alta velocidade e aos beneficios que conlevará (medioambientais, sociais, económicos e de oportunidade) e, ao mesmo tempo, debullaremos unha escolma de factores que son vitais si o que se pretende lograr é un esparexemento de actividades concretas ou de servizos con potencialidade de axeitamento e proxección “a distancia”.

Marcelino B. Taboada