O DOG publica as bases reguladoras das axudas para a creación e mellora de empresas de aproveitamentos forestais, importante para os emprendedores de Valdeorras

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación e mellora de empresas de aproveitamentos forestais, algo moi impoteante para os emprendedores da comarca de Valdeorras ao apoiar actividades moi vinculadas aos recursos de nosa comarca, e se convocan para 2015 no marco do Plan de Desenvolvemento Rural Sostible (PDRS). Estímanse que preto de 10 empresas se poidan beneficiar destas axudas por un importe de 250.000 euros, que son financiados por parte da comunidade autónoma de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Esta contía pode incrementarse con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. A estas axudas, xestionadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar, súmase o investimento duns 625.000 euros de carácter privado.

Os beneficiarios destas subvencións son as empresas do sector forestal radicadas en Galicia que sexan PEMES que non teñan a condición de microempresa. O seu obxectivo é a modernización das empresas de aproveitamentos forestais, madeireiros e non madeireiros, mediante subvencións para a compra de maquinaria de aproveitamentos e instalacións en parques de madeira ou biomasa forestal e plans ou ferramentas de xestión empresarial.

Así, estas axudas van destinadas a subvencionar investimentos en activos fixos produtivos relativos ás operacións de aproveitamento dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais), e plans de mellora de xestión empresarial.

En concreto poderán destinarse a bens de equipo e instalacións en empresas de comercialización de produtos forestais non madeireiros, así como a maquinaria específica para o aproveitamento de madeira ou biomasa forestal, instalación en parques de almacenamento, equipos de seguridade, plataformas para o transporte ou instrumentos de medición de masas forestais, entre outros. Tamén, no que atinxe aos plans e ferramentas de xestión empresarial, poderán ser obxecto de subvención a implantación na empresa de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade para o control de custos, calidade, e mantemento ou a preparación do proceso produtivo para a adaptación á cadea de custodia de madeira certificada e/ou normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial.

Estas axudas súmanse ás que se convocan para microempresas do sector coa mesma finalidade de apoiar a creación e mellora deste tipo de microempresas de aproveitamentos forestais.

Solicitudes

Os interesados en solicitalas poden consultar os requisitos e a documentación que deben presentar no Diario Oficial de Galicia de hoxe. As solicitudes deberán ser presentadas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG. Deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel.

También te podría gustar...