O director xeral de asistencia sanitaria reforza o chamamento á participación de todos os cidadáns nas campañas de doazón de sangue nos meses de verán

image_gallery (1)O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Ramón Ares Rico, visitou onte á maña as instalacións do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) en Santiago para convidar aos cidadáns a doar sangue e reforzar o chamamento a participación nas campañas de doazón.

Ramón Ares lembrou que entre xuño e setembro, os hospitais galegos precisarán unhas 40.000 doazóns de sangue para facer fronte a súa actividade asistencial e salientou que os meses de verán coinciden cos de maior demanda de compoñentes sanguíneos por mor do incremento do accidentes de tráfico.

Todos os grupos sanguíneos
O director xeral de Asistencia Sanitaria, que estivo acompañado na súa vista pola directora do CTG, María Inmaculada Rodríguez Calvo, indicou que, nestes momentos, o CTG desenvolve unha campaña de doazón de sangue na que se está a facer un chamamento xeneralizado á participación de todos os cidadáns, polo que resultan precisas doazóns de todos os grupos sanguíneos.

Como dato positivo, Ramon Ares salientou que a campaña de doazón do presente exercicio acadou entre o mes de xuño e xullo un total de 18.213 doazóns, cifra que representa un 3,7% de aumento con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Reforzar o chamamento
Tanto a directora do CTG como o director xeral de Asistencia Sanitaria quixeron revitalizar o permanente chamamento á participación xa que, a pesares do lixeiro ascenso experimentado nos meses de xuño e xullo, o balance da evolución da doazón en Galicia no computo global do ano amosa unha tendencia á baixa. Neste sentido, apuntaron que entre xaneiro e xullo, téñense acadado 65.015 doazóns, o que supón un descenso do 1,8% con respecto ano mesmo período do ano 2014.

Neste sentido, lembraron as facilidades para doar sangue, salientando a existencia de locais de atención permanente ao doador de sangue emprazados nas sete grandes cidades galegas, así como a presenza das dez unidades móbiles do CTG en case 40 concellos galegos ao longo da presente semana.

Doazón de medula ósea
A Consellería de Sanidade lembra, tamén, á cidadanía da nosa Comunidade Autónoma a importancia da doazón de medula ósea. A tal efecto, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición das galegas e galegos unha páxina web http://galicia.medulaosea.org que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Deste xeito, neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. Unha vez que se anoten serán chamados para a correspondente entrevista por parte dos profesionais sanitarios.

Poden ser doadores de medula ósea as persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón.