O director da Axencia Tributaria de Galicia considera a reforma fiscal un instrumento para impulsar o crecemento e reforzar a competividade
O director da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), Ulpiano Villanueva, explicou hoxe que a reforma fiscal aprobada polo Goberno é un instrumento para impulsar o crecemento económico e reforzar a competitividade das empresas. Así o sinalou hoxe na inauguración das ‘III Xornadas Técnicas de Fiscalidade e Contabilidade’ do Colexio de Economistas da Coruña.
Na súa intervención, Ulpiano Villanueva indicou que a reforma fiscal non só supón unha rebaixa de impostos, senón que servirá para intensificar “o desenvolvemento social e económico do noso país”, e sinalou que permitirá pór máis cartos en mans dos cidadáns. Tamén fomentará que as empresas poidan levar a cabo investimentos, medrar e, polo tanto, crear emprego, “que é o maior reto que temos entre mans”.
O director da ATRIGA sinalou que se trata dunha reforma “xusta e equitativa”, que beneficia especialmente ás rendas medianas e baixas e que permite o mantemento dos niveis de recadación e, polo tanto, garante a prestación dos servizos básicos. E subliñou que a reforma trata de atacar a fraude fiscal, logo de lembrar que a ATRIGA fixo aflorar 150 millóns de euros de importes non declarados no seu primeiro ano de funcionamento, en 2013.
Ao falar do Imposto de Sociedades e do IRPF, Villanueva sinalou que coa reforma prodúcese “unha rebaixa substancial da tributación”, que pode chegar a unha media do 12,5% para este ano e para o que vén. A porcentaxe pode chegar ata o 31% para contribuíntes con rendas inferiores a 18.000 euros. Ademais, desde o pasado mes de xaneiro, uns 20 millóns de contribuíntes xa se benefician dunha rebaixa nas retencións.
Neste senso, afirmou que en Galicia “anticipámonos en 2014”, rebaixando en medio punto a tributación para bases liquidables inferiores a 17.707,20 euros e incrementando para 2015 ata 1.200 e 2.400 euros as deducións por nacemento de fillos, e ata 600 euros as deducións por coidado de fillos por aluguer de vivenda cando o contribuínte teña dos ou máis fillos.
Por último, defendeu a autonomía fiscal das autonomías evitando ao mesmo tempo as distorsións no mercado interior. Para iso, avogou por harmonizar as figuras tributarias para que a lexítima competencia fiscal entre autonomías “non provoque inseguridade xurídica”.