O Comité Termal Ourensán constitúese mañán martes en Cortegada

1 2015 MB e ANF Plan Termal

O Comité Termal Ourensán, o órgano executivo do Consello Termal que celebrou hai un mes en Laias (Cenlle) a súa primeira reunión, constituirase o vindeiro martes na Casa do Concello de Cortegada, onde celebrará a súa primeira xuntanza. Na orde do día desta reunión figura a distribución aos membros, do Plan Termal «Ourense, á provincia termal». Este comité executivo celebrará reunións aló menos cada dous meses e está integrado pola Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Goberno central, o Concello de Ourense, a alcaldesa de Lobios (representando aos demais concellos da provincia por ser a presidenta da sección de Vilas Termais da FEMP), o Campus de Ourense (Campus da Auga) e o sector privado por medio da CEO e da Asociación de Balnearios. Tamén asistirá o autor do plan termal, Mario Crecente. Ao remate da reunión os membros do Comité Termal visitarán o estado actual das obras do balneario de Cortegada.

Pola súa banda, o Consello Termal celebrará a súa seguinte xuntanza o 22 de marzo, Día da Auga, no balneario de Baños de Molgas. A súa función é velar polo cumprimento do Plan «Ourense, a provincia termal» e conta entre os seus integrantes con representantes da Xunta de Galicia, do Goberno central, do Concello de Ourense e municipios con vilas termais, así como do Campus de Ourense, da Asociación de Balnearios, da Confederación de Empresarios de Ourense e da Cámara de Comercio de Ourense, do Inorde, Expourense e representantes empresariais do sector termal.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reafírmase «na aposta do goberno provincial a prol do termalismo» e proba delo é que en 2015 «a Deputación de Ourense vai destinar un mínimo de 1,5 millóns de euros para a execución do Plan Termal, e a maiores disporase de 500.000 euros para esa liña de axudas para infraestruturas termais para os concellos (en suma, 2 millóns de euros), cantidades que se completarán co remanente de tesourería que agardamos ter».

Baltar lembra que unha das grandes novidades de 2015 «será a internacionalización do noso termalismo, pois seremos a primeira administración que porá en marcha un programa de «Termalismo Social Transfronteirizo», que abrirá novas posibilidade aos nosos balnearios e permitirá aos nosos veciños portugueses a súa plena participación no mesmo».

Na foto, Manuel Baltar e Alberto Núñez Feijoo, asinando no balneario do Carballiño o acordo para a execución do Plan Termal.

También te podría gustar...