O Centro Galego de Barcelona apoia o Museo Galego da Emigración, que promove Manuel Baltar

1 1 1 1 1 1 MB e Carrete 2015

 

O Centro Galego de Barcelona amosa «o seu apoio total» á creación do Museo Galego da Emigración que promove o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Así llo confirmou Manoel Carrete, presidente da entidade galega en Barcelona, quen se entrevistou con Manuel Baltar no Pazo Provincial xunto con Pepita Álvarez, integrante da directiva do centro galego, para analizar temas de actualidade referidos á emigración galega.

O presidente do goberno provincial destacou no encontro a importancia «que tiveron, teñen e sempre terán os nosos emigrantes», afirmando que Galicia, e sinaladamente Ourense, «é unha terra creativa e emigrante, dous aspectos que unidos deron de si importantes logros acadados en moitos ámbitos culturais, sociais, científicos e empresariais». Baltar subliñou que a importancia que o goberno provincial lle da á emigración reflíctese en iniciativas como a web «Ourense emigrante», na que estamos a traballar, e mesmo no que será o referente da emigración galega: o Museo Galego da Emigración, que terá a súa sede na provincia de Ourense».

Baltar explicou que estase a traballar xunto con Olegario Sotelo Blanco e co antropólogo Manuel Mandianes «para facer realidade este xusto recoñecementos aos nosos emigrantes, porque rara é a casa ou a familia que non teña alguén que estivera ou estea no estranxeiro», e iso contribuíu en gran medida ao desenvolvemento desta provincia».

O presidente da Deputación avanzou que o museo «deberá evidentemente mostrar parte do que foi a historia da emigración, con obxectos, relatos e recordos, pero tamén deberá ser o espazo que amose os moitos éxitos que os nosos emigrantes conseguiron ao longo das súas vidas, que foron moitos e que tamén deben ser coñecidos. Un museo interactivo e non un espazo exclusivamente de nostalxia exclusivamente, senón tamén de aprendizaxe».

Manoel Carrete, historiador e avogado en exercicio, confirmoulle ao presidente provincial que o Centro Galego de Barcelona apoiará esta iniciativa. El leva tres anos á fronte desta entidade en Barcelona e forma parte da segunda xeración de galegos residentes en Cataluña. Precisamente, a súa tese de doutoramento trata sobre a diáspora galega en Cataluña a principios do século XX. Foi socio da Casa Galega de Hospitalet, cambiando posteriormente ao Centro Galego de Barcelona, e tamén é vicepresidente da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña.