O CDTIC da Amtega convoca startups e emprendores a un encontro coa multinacional IBM o vindeiro 29 de abril

AmtegaStartups, emprendedores e universitarios poderán coñecer de primeira man a tecnoloxía de IBM e o seu programa de apoio ao emprendemento. O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o día 29 de abril o encontro coa multinacional na xornada “Se tes unha idea, queremos traballala contigo” (https://cdtic.xunta.es/xornada-ibm), que se desenvolverá en horario de 16.00 a 20.00 horas.

Trátase dunha actividade coa que se pretende darlles a coñecer ás persoas asistentes a tecnoloxía que IBM pon a disposición das startups, desenvolvedores, universitarios etc., así como as axudas que ofrece cos seus distintos programas no contorno cloud computing. Así mesmo, IBM pretende, nesta sesión, ter coñecemento das empresas que forman parte do ecosistema tecnolóxico de Galicia e analizar como darlles valor aos clientes.

Esta actividade está dirixida a startups (empresas con menos de cinco anos), emprendedores e universitarios con ideas de empresas de base tecnolóxica. A multinacional IBM será a encargada desta sesión demostradora, que, ademais, inclúe un speed networking, previsto para o final da sesión, no que as persoas interesadas, previa cita, poderán falar co equipo da empresa.

Para participar nesta actividade e concertar unha cita para o speed networking cómpre inscribirse a través do correo electrónico cdtic@xunta.es ou no teléfono 881 995 200.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.