image_gallery

 

O CDG estrea no Salón Teatro o espectáculo ‘Xardín suspenso’, dirixido por Cándido Pazó a partir da obra do portugués Abel Neves que visitará o TLO o 17 de abril.

O espectáculo ‘Xardín suspenso’ estréase este venres día 13, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago como nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) que, desta volta, conta con Cándido Pazó na dirección escénica e con César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos na interpretación. Realizado a partir do drama asinado por Abel Neves, un dos dramaturgos máis recoñecidos da actual escena portuguesa, o espectáculo poderá verse ata o 29 de marzo na sede compostelá da compañía pública galega, onde desenvolverá oito funcións xerais e catro pases matinais para centros educativos antes de iniciar unha xira de dous meses que rematará a finais de maio en Lisboa.

A elección deste texto, que –en palabras de Cándido Pazó– “remexe no microcosmos das relacións familiares” para abordar “a historia de algo tan trivialmente dramático como unha promesa de amor incumprida”, responde ao primeiro acordo institucional asinado entre o CDG e a Teatro Nacional Dona María II (TNDMII) de Portugal para o intercambio de autores fundamentais entre as escenas galega e lusa.

Así, ao tempo que a unidade teatral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ás táboas a obra de Abel Neves, representada anteriormente polo TNDMII, o principal teatro público do país veciño está a preparar a adaptación lusa de ‘Saxo tenor’, do galego Roberto Vidal Bolaño, cara á súa estrea en Lisboa o 7 de maio. Baixo o título ‘Sax tenor’, a produción portuguesa representarase en Santiago o 29 e 30 de maio, mentres que o espectáculo galego estará do 28 ao 31 dese mes na Sala Garrett de Lisboa, o escenario principal da sede do Dona María II.

Xira por nove localidades

Trala súa estadía en Compostela e antes de viaxar a Lisboa, ‘Xardín suspenso’ visitará outras nove localidades galegas: Narón (Pazo da Cultura, 11 de abril), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 17 de abril), A Estrada (Teatro Principal, 24 de abril), Pontevedra (Auditorio do Centro Social Afundación, 29 de abril), Vigo (Teatro Centro Cultural Afundación, 6 de maio), Tui (Teatro Municipal, 8 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 15 de maio), Ourense (Teatro Principal, 16 e 17 de maio) e A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 22 de maio).