O 75% dos concellos galegos apostan pola eficiencia enerxética grazas ao programa de iluminación pública da Xunta

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local que presten apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver unha nova convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior. Neste sentido, a resolución, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, da continuidade a un un programa que, desde o ano 2009, beneficiou xa ao 75% dos concellos galegos, impulsando actuacións que contribúen á súa mellora enerxética co conseguinte aforro económico. En total, máis de 235 concellos apostaron neste tempo pola eficiencia enerxética a través desta liña do Inega, xerando un aforro enerxético de 49.261.279 kWh, que se traduce nun aforro económico conxunto de máis de 7 millóns.

Neste marco, a convocatoria deste ano permitirá desenvolver 24 novos proxectos, 14 individuais e 10 de agrupacións municipais, que verán diminuída a factura eléctrica das instalacións substituídas ata nun 70%. Estas actuacións xerarán un aforro económico conxunto próximo aos 400.000 euros e un aforro enerxético equivalente ao consumo anual de 700 familias. Así mesmo, evitarase a emisión á atmosfera de 1.600 toneladas de CO2, o equivalente é plantación de 80.000 árbores.

O orzamento destinado a estes proxectos ascende, este exercicio, a 1,5 millóns de euros, permitindo achegar apoios do 70% do investimento, que se verán incrementados, unha vez máis, nun 15% para as agrupacións e fusións municipais. As actuacións a levar a cabo se centran na mellora da iluminación pública exterior, prevéndose actuar en 128 instalacións de iluminación exterior que engloban máis de 5.600 puntos de luz.

Desta forma, a Consellería de Economía e Industria segue a apostar pola eficiencia enerxética nos concellos galegos. Un compromiso reforzado con outras actuacións, como a orde de axudas para a implantación de caldeiras de biomasa, que permitiu o ano pasado a implantación de 80 equipos en medio cento de concellos galegos que están a obter, de modo conxunto, un aforro anual de 250.000 euros.

A Xunta segue así a apostar polo aforro e a eficiencia enerxética municipal así como polo fomento da utilización de fontes renovables. Un compromiso que se complementa co asesoramento enerxético de carácter multidisciplinar que presta o Inega aos concellos, resolvendo as súas dubidas e achegándolles ferramentas prácticas como o optimizador de facturación, dispoñible na web do Instituto –www.inega.es-, e que permite aos concellos galegos obter solucións prácticas para mellorar a súa factura eléctrica.