O 112 mobilizou os recursos de emerxencias en 120.787 ocasións para resolver 90.419 incidencias durante o primeiro semestre do 2015

image_gallery (1)O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia pertencente á Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) da Vicepresidencia da Xunta resolveu 90.419 incidencias durante o primeiro semestre do 2015 mediante a mobilización dos recursos de emerxencias en 120.787 ocasións. Así o explicaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o xerente da AXEGA, Juan José Muñoz, nunha rolda de prensa onde fixeron balance da actividade do centro nos seis primeiros meses do ano.

Segundo destacaron, das 509.426 chamadas atendidas no CAE 112 Galicia neste período, o 17 por cento derivaron en situacións de urxencia que precisaron, na maior parte dos casos, da asistencia sanitaria e da intervención das forzas da orde e dos servizos de rescate e extinción de incendios, isto é, bombeiros, grupos supramunicipais de emerxencias (GES) e axentes de Protección Civil.

Así, o 44 por cento das intervencións estiveron relacionadas con incendios urbanos e industriais, rescates, fugas de gas, derrames e verteduras de substancias, recollida de animais e a activación de plans especiais de protección civil; o 32 por cento coa atención sanitaria; o 15 por cento con seguridade cidadá e o 9 por cento restante con accidentes en estradas, laborais, ferroviarios e marítimos.

Os concellos da franxa atlántica, especialmente a cidade de Vigo, son os que concentraron o maior número de incidencias. As provincias da Coruña e Pontevedra suman o 75 por cento, mentres que Lugo e Ourense supoñen só o 25.

Información útil para o cidadán
A páxina web do CAE 112 Galicia (www.axega112.org) continúa a ser un referente de información para a cidadanía, pois, ademais de resumos sobre os sucesos máis destacados, se pode consultar unha guía de consellos de autoprotección para previr accidentes en estradas, no mar, no río, en piscinas, ante episodios de meteoroloxía adversa, en eventos con afluencia masiva de público; incendios, enxames, etc. Igualmente, a través da páxina web, se informa á poboación da activación de alertas por meteoroloxía adversa e dos plans especiais de protección civil. Por iso, durante os primeiros seis meses do ano, a web recibiu arredor de 324.306 visitas.

Prevención e anticipación
A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) traballa nas formas de atallar e anticiparse aos riscos potenciais, por iso, é parte activa de moitos dos simulacros de emerxencias que se realizan na Comunidade. A través do CAE 112 Galicia, se ofrece, ao organismo que o solicite, a cobertura e a coordinación dos recursos de emerxencias intervenientes nos exercicios simulados. Durante este primeiro semestre do 2015, o 112 Galicia participou en 115 simulacros, na maior parte, solicitados por centros educativos, pero, tamén promovidos pola propia Administración, cuxa misión é a posta a punto dos plans especiais de protección civil. Así, nestes meses, se levaron a cabo exercicios en empresas de risco químico.

También te podría gustar...