O 11,12% das citas para consultas nos centros de saúde do Sergas solicítanse xa pola Internet

image_gallery (1)

 

A titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Rocío Mosquera, destacou hoxe, no acto de clausura do XVIII Congreso Nacional de Informática da Saúde, que o 11,12% das citas para consultas nos centros de saúde do Sergas solicítanse a través de Internet. Ademais, o 27,36 % da poboación en Galicia usa xa este sistema.

Doutra banda, a conselleira destacou que o seu departamento conseguiu rebaixar en máis de tres millóns as visitas das galegas e galegos aos centros de saúde grazas á implantación da receita electrónica. Tamén subliñou a ampliación dos servizos de telemedicina a todo o persoal sanitario do Sergas a través do manexo da historia clínica electrónica, na que entran ao día 15.000 profesionais, os cales acceden a máis de 120.000 historias clínicas diarias.

“Os nosos profesionais teñen acceso á imaxe dixital dende todos os hospitais e centros de saúde, e seguimos avanzando nos proxectos de telemedicina e de acceso ao fogar do paciente”, -remarcou a conselleira-.

Rocío Mosquera tamén fixo fincapé en que o seu departamento está a investir máis de 30 millóns de euros ao ano en TICs, coa fin de impulsar e modernizar toda a infraestrutura e proxectos tecnolóxicos, o que está a posibilitar a racionalización do gasto en moitos procesos da organización.

Outro dos logros destacados pola conselleira neste Congreso é que o Sergas xa licitou e adxudicou máis de 20 millóns de euros en pregos de contratación de compra pública de tecnoloxía innovadora. Así, actualmente 25 empresas traballan en 21 proxectos, cunha importante participación das empresas galegas.

O seguinte desafío para os vindeiros anos será implantar a tecnoloxía e sistemas de información innovadores que proporcionen á poboación o acceso a unha mellor xestión das patoloxías crónicas. O que se pretende é mellorar a calidade de vida da cidadanía permitindo un envellecemento máis activo e saudable.