Nova convocatoria de axudas para mellorar os servizos bibliotecarios galegos a través da renovación das coleccións

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou onte no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas plurianual a concellos de Galicia destinada á mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, para o período do 1 de maio de 2015 ao 1 de abril de 2016.

O principal obxectivo desta liña de subvencións, promovida pola Secretaría Xeral de Cultura e dotada con 160.000 euros para as anualidades de 2015 e 2016, é ampliar e renovar os fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia, mediante a adquisición de novidades bibliográficas, co fin de colaborar na súa actualización e mantemento e, deste xeito, atender as demandas dos usuarios e usuarias.

Adquisicións
A través destas axudas, as bibliotecas e axencias municipais poderán adquirir monografías, tanto libro infantil e xuvenil como para adultos; material sonoro (CD e vinilo), videogravacións (DVD e Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico.

Estes materiais deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca. Por cada título, poderase adquirir un máximo de tres exemplares.

Beneficiarios das subvencións
Poderán optar a estas subvencións os concellos de Galicia titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia cunha poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes. Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación ten como obxectivos acadar unha maior cohesión territorial de Galicia e asegurar que as localidades de menor poboación e con menores recursos para dotar os seus servizos bibliotecarios poidan recibir unha cantidade que realmente lles permita actualizar os seus fondos e prestar un servizo aos seus usuarios de similar calidade que o que reciben os dos concellos máis poboados de Galicia, que se beneficiaron nos anos anteriores dun maior volume de recursos.

Para optar ás axudas, a biblioteca ou axencia de lectura pública municipal debe estar integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia ou ter solicitado a súa integración antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Ademais, entre os requirimentos tamén se inclúe a apertura ao público un mínimo de 15 horas semanais, así como ter informatizada a xestión da biblioteca ou axencia de lectura.

A presentación das solicitudes poderase realizar ata o vindeiro 7 de agosto a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

Favorecer a planificación das adquisicións
Desde o ano 2014, a Secretaría Xeral de Cultura promove a mellora das coleccións bibliográficas a través dunha convocatoria de subvención plurianual que lle permite ao persoal técnico bibliotecario contar cunha maior marxe para planificar as adquisicións de novidades e melloras para as coleccións das bibliotecas e, así, incrementar a oferta e o servizo aos usuarios e usuarias. Na pasada convocatoria, beneficiáronse desta liña de subvencións un total de 98 concellos.

Servizos bibliotecarios de calidade
Para manter un servizo bibliotecario vivo, de calidade e actualizado no conxunto do territorio galego, a Secretaría Xeral de Cultura vén promovendo diversas actuacións dirixidas a ampliar e renovar os fondos bibliográficos das coleccións bibliotecarias. Xunto con esta liña de subvencións, tamén realiza adquisicións de novidades bibliográficas para as coleccións das bibliotecas centrais territoriais dependentes da Consellería de Cultura e Educación, que tamén permite a substitucións de exemplares deteriorados ou extraviados, ademais de asumir a adquisición de lotes fundacionais das bibliotecas públicas de nova creación.