• Consumo activa unha nova campaña de reforzo do control de xoguetes e outros produtos de cara ás compras de Nadal
  • No marco de Infonadal Consumo están en marcha actuacións específicas de inspección e análise centradas este ano nos xoguetes con ventosas e os destinados a menores de 3 anos, os peluches e as grilandas
  • Galicia é líder na vixilancia e control do mercado, sendo unha das comunidades que máis produtos perigosos detecta cada ano
  • No 2015 realizáronse no Laboratorio máis de 7.700 ensaios, e detectáronse un total de 90 produtos inseguros
  • Desde a Escola Galega de Consumo estanse a celebrar charlas participativas sobre consumo responsable orientadas ao Nadal nas que está prevista a participación de máis de 1.000 persoas
  • Entre as recomendacións para un consumo responsable, aconséllase elaborar un presuposto coa cantidade dispoñible e comprar con antelación, conservar os tíckets de compra ou comprobar que os xoguetes contan co marcado CE

 

outlet_juguetesO Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ten en marcha unha nova edición da campaña Infonadal Consumo, que ten por obxectivo garantir a seguridade dos produtos e protexer os dereitos dos consumidores de cara ás compras de Nadal.

A través desta iniciativa, refórzanse as actuacións de control do mercado que realizan durante todo o ano de xeito coordinado a inspección de Consumo e o Laboratorio de Consumo de Galicia, ao tempo que se achega información e formación en materia de consumo responsable pensada de xeito especial para estas datas a través da Escola Galega de Consumo, que está a celebrar charlas participativas nas que está prevista a participación de máis de 1.000 persoas

Os controis realizados no marco de Infonadal céntranse nos xoguetes, e, entre eles, nos xoguetes para menores de tres anos, os xoguetes con ventosas, os peluches e as grilandas. Deste xeito garántese ao máximo a protección dos consumidores galegos durante o Nadal, época na que se incrementa a venda de produtos para os máis pequenos. A inspección de Consumo é a encargada de tomar as mostras no mercado, que posteriormente se envían ao Laboratorio de Consumo de Galicia, o único oficial público acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para o análise deste tipo de produtos.

No caso de que se constate que algún destes produtos presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

Por outra banda, o Instituto Galego de Consumo tamén intensifica a vixilancia no cumprimento das obrigas dos establecementos que poñen os seus produtos a disposición dos consumidores: indicación de prezos, etiquetado, publicidade ou existencia de follas informativas.

A posta en marcha da campaña Infonadal Consumo enmárcase na intensa labor de control do mercado que realiza durante todo o ano o Instituto Galego de Consumo, que sitúan a Galicia como unha das comunidades que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano.

Así, ao longo do pasado 2015, realizáronse no Laboratorio de Consumo de Galicia máis de 7.700 ensaios en 530 produtos de consumo analizados, e o IGC comunicou á rede de alerta nacional un total de 90 produtos, situándose como a segunda autoridade autonómica de Consumo que realizou máis notificacións. Entre os produtos notificados, cabe sinalar que 23 eran xoguetes, tendo en conta que nas análises e inspeccións se presta especial atención aos produtos destinados aos consumidores máis vulnerables.

Consellos para mercar os xoguetes

Á hora de mercar os xoguetes, o IGC resalta unha serie de consellos para garantir a seguridade e a idoneidade dos mesmos. Así, resulta fundamental comprobar que sexan axeitados á idade e ás habilidades físicas do neno, e asegurarse de que dispoñen do marcado CE. Tamén hai que comprobar que na etiqueta figura o nome e o enderezo do responsable do produto, ler as instrucións de manexo e as advertencias, e constatar que a etiqueta e as instrucións están polo menos en castelán. Ademais, débese asegurar que non teñan bordes cortantes, e que os xoguetes eléctricos non teñan fontes de alimentación de máis de 24 voltios.

En xeral para as compras destas datas, desde o Instituto Galego de Consumo recoméndase elaborar un presuposto coa cantidade dispoñible para gastar, comprar con antelación ou facer un uso responsable das tarxetas de crédito.

Tamén se recomenda esixir e conservar o tícket ou factura, atender de forma reflexiva a información publicitaria, e poñer atención á información que figura na etiquetaxe dos produtos, especialmente á que se refire a datas de consumo, conservación e instrucións de uso.

No tocante ás compras por Internet, hai que elixir sempre formas de pagamento seguras, xa sexa por transferencia, tarxeta ou a través de plataformas especializadas, e en calquera caso, comprobar se ao inicio da barra de direccións aparece “https”, o que indica que a páxina está a utilizar unha conexión segura. Entre outros consellos, tamén se recomenda escoller en primeiro lugar aqueles establecementos que exhiben estar adheridos ao Sistema Arbitral de Consumo, pois en caso de ter que reclamar poderá resolver o conflito de forma rápida e gratuíta.