image_gallery (1)A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, e o alcalde de Piñor, José Luís González, visitou onte as obras que está a realizar Turismo de Galicia no tramo que une Mezquita co concello de Piñor na Vía da Prata e nas que se investiron máis de 148.000 euros.

Na súa visita, a directora de Turismo de Galicia destacou os esforzos que realiza a Xunta de Galicia para conservar e protexer cada unha das rutas xacobeas. Segundo explicou Nava Castro, dende Turismo de Galicia realízanse labores de mantemento, medidas correctoras e acondicionamento nos diversos tramos do Camiño de Santiago de maneira continua.

A responsable de Turismo da Xunta sinalou que as obras realizadas no concello de Piñor
levan consigo unha actuación ao longo de 675 metros neste tramo da Vía da Prata co obxectivo de facer un camiño completamente transitable e cunha inversión de máis de 43.000 euros.

A execución da obra implica a apertura de cunetas naquelas zonas onde sexan necesarias, segundo as características morfolóxicas do camiño, para eliminar as augas da superficie.

Esta intervención únese as outras obras realizadas na Vía da Prata nos tramos que unen Feces con Laza e A Gudiña con Taboadela e as levadas a cabo na provincia de Pontevedra -nos concellos de A Estrada, Dozón, Silleda e Lalín- coas que Turismo de Galicia leva investido máis de 470.000 euros nesta ruta xacobea.

Preto de 6.900 peregrinos no 2015
No pasado ano recolleron a Compostela 237.886 peregrinos, un 10,19% máis que no ano anterior. Deses peregrinos escolleron a Vía da Prata preto de 8.500, o que situou este camiño na quinta ruta máis transitada segundo os rexistros da oficina de acollida ao peregrino.

No que vai de ano xa percorreron o Camiño de Santiago 182.999 peregrinos, un 10,67% mais que no mesmo período do pasado ano e a Vía da Prata foi elixida por 6.892 peregrinos neste ano, o que continúa situando este camiño na quinta ruta mais transitada.

Así mesmo, entre xaneiro e xullo, os albergues públicos da Vía da Prata en Galicia rexistraron 12.588 pernoitas. A Vía da Prata, con doce albergues, é o trazado cun maior número de establecementos integrados na Rede Pública da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo ofrecendo un total de 396 prazas.