C termal 14

 
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, constituíron hoxe o Consello Termal Ourensán co obxectivo de impulsar a promoción turística de Galicia potenciando o termalismo en Ourense.

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia, referiuse ao Consello Termal Ourensán como “un empuxe fundamental para consolidar Galicia como destino termal de referencia”, que tamén promoverá Ourense “como provincia termal a nivel nacional e internacional, co obxecto de que o seu posicionamento contribúa a un desenvolvemento territorial equilibrado e á creación de emprego de calidade”.

Na súa intervención, Nava Castro lembrou tamén que a cidade de Ourense é a segunda potencial termal europea, só por detrás da capital húngara, Budapest, e que en Galicia están catalogadas máis de 300 captacións de auga mineiro-medicinal, “unha por cada 10.000 habitantes”, manifestou, polo que “a auga termal constitúe hoxe un recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico e económico da comunidade galega”.

A directora de Turismo de Galicia remarcou a importancia do termalismo en Galicia, lembrando que destas máis de 300 captacións hidrolóxicas, máis dunha vintena teñen a cualificación de balneario, polo que a comunidade galega “ocupa a primeira posición en canto ao número de establecementos balnearios a nivel nacional”.

Galicia é líder tamén no conxunto do Estado en canto á oferta mineromedicinal, con máis do 20% da oferta nacional, e “tamén é –engadiu Nava Castro- a comunidade con meirande número de establecementos termais distinguidos coa Q de calidade turística”.

Deste xeito, para a directora de Turismo de Galicia, o turismo termal na comunidade galega é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade, “con maior capacidade de desestacionalización da demanda, con poder para a captación de máis segmentos de público” e de grande atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outros produtos ou servizos relacionados co pratrimonio cultural, natural ou enogastronómico.