image_gallery

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que onte participou no XIX Capítulo xeral da Orde do Camiño de Santiago celebrada no Hostal dos Reis Católicos, referiuse á Ruta Xacobea “como un referente de intercambio e interculturalidade que se convertiu nun dos fenómenos máis universais da civilización actual”.

Segundo manifestou Nava Castro, o Camiño é “a herdanza dos camiñantes e o contedor das experiencias vividas por quen peregrina a Santiago de Compostela”.

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia indicou que o Camiño de Santiago posúe ademais unha singularidade que o diferenza dos múltiple itinerarios culturais que existen, e así, engadiu, “o feito de ser, á vez un camiño de peregrinación e unha vía de civilización permite unir nun mesmo sistema de valores persoas procedentes de horizontes culturais moi distintos, creando un espazo continuo de encontros, coñecementos e recoñecementos mutuos cuxos vestixios se estenden por todos os camiños”.

Para Nava Castro, o Camiño combina tamén o seu tradicional acervo espiritual e sociocultural co seu poder de atracción turística e o seu carácter renovado como lugar de encontro aberto a todo tipo de culturas e de xentes.

Durante a súa intervención neste acto, a directora de Turismo de Galicia sinalou que hoxe o Camiño está de plena actualidade, “e xa son máis de 114.000 os peregrinos que xa utilizaron esta senda para chegar a Compostela este ano”.

Isto tradúcese, engadiu, nun incremento de máis do 12% dos peregrinos que obtiveron a Compostela con respecto ao mesmo período de 2014, “un 2014 que xa pasara á historia por ser o ano non Xacobeo no que máis peregrinos chegaron a Santiago, grazas a diferentes casuísticas entre as que sitúo a celebración do VIII Centenario de Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela”.

Neste eido, Nava Castro referiuse ás exposicións desenvolvidas, que recibiron máis de 270.000 visitantes aos que se sumaron os asistentes ás grandes citas congresuais como o Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo, a xuntanza do Consello Executivo da Organización Mundial de Turismo ou o I Encontro Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, entre outros.

En total, manifestou a directora de Turismo de Galicia, “Galicia recibiu máis de catro millóns de viaxeiros, incrementando a cifra alcanzada no ano anterior nun 7%”.

Así, dentro desta subida, Nava Castro salientou o número de turistas procedentes de Italia que visitaron Galicia en 2014, máis de 115.000, o que supuxo un incremento do 29%, así como os peregrinos deste país, que superaron a cifra de 20.000 ata se converter no primeiro país estranxeiro na achega de camiñantes a Santiago.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia referiuse á actualidade do Camiño, e así indicou a finalización do programa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Compostela e o novo impulso que recibiron as rutas xacobeas logo da declaración dos camiños do Norte como Patrimonio Mundial pola UNESCO.

Neste ámbito, Nava Castro manifestou que “queremos contribuír ao impulso, tanto do Camiño do Norte como do Primitivo e por iso organizamos un conxunto de actuacións a desenvolver neste itinerarios”.

Así, apuntou que estas labores teñen como finalidade reforzar a rede de albergues e mellorar os servizos aos peregrinos, acondicionar o estado das rutas, impulsar a promoción destes camiños e afondar na coordinación entre as administracións e institucións implicadas.

“Un traballo a maiores –rematou- que se une ao realizado día a días no Camiño, porque o Camiño é o noso produto estrela, a nosa carta de presentación no eido internacional e o noso maior tesouro, moi ben gardado para que o coidemos e o respectemos, e para que siga sendo ao longo do tempo o gran itinerario cultural europeo de referencia”.