A inauguración oficial de Termatalia contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro

 

Baixo o lema “Máis calidade, máis benestar”, Termatalia arrancou a súa segunda edición en América Latina consolidada como marca e centro de negocios internacional do termalismo. Termatalia, organizada por Expourense co apoio de Turismo de Galicia, reúne nesta ocasión en Arxentina 217 expositores e profesionais de máis de 28 países.

Termatalia é a única feira especializada no sector termal considerada feira comercial internacional en España e este ano, ademais, declarada feira de interese parlamentario pola Cámara de Deputados de Arxentina, recoñecendo así a importancia e transcendencia internacional que representa este evento para ambos os dous países.

A inauguración oficial de Termatalia contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; do ministro de Turismo do Goberno de Arxentina, Enrique Meyer; da gobernadora da provincia de Santiago do Esteiro, Claudia Ledesma; e do Cónsul Xeral de España, Javier Benosa.

O encontro inaugural puxo de relevo, por unha parte, o interese e o esforzo do Goberno arxentino en promover o termalismo e, por outro, a consolidación de Termatalia como gran foro e escaparate mundial do termalismo.

Nava Castro sinalou, durante a súa intervención no acto inaugural, que “grazas a Termatalia teremos a ocasión de estreitar lazos cun país irmán como é Arxentina co que mantemos intensas relacións comerciais que se verán incrementadas no marco da industria termal despois da celebración desta importante cita”.

Así mesmo a directora de Turismo de Galicia destacou que Galicia é a Comunidade Autónoma española coa mellor e máis variada oferta en termalismo e recordou que a aposta polo sector vén axudada por un soporte lexislativo, dado que Galicia foi unha das primeiras comunidades en lexislar en materia de augas minerais e balnearios, o que proporciona seguridade xurídica aos empresarios e tamén aos usuarios.

Nava Castro explicou que a creación de proxectos innovadores e o deseño do Plan Termal, presentado este ano, teñen por obxecto potenciar a industria turística termal e identificar as tendencias do mercado e os seus posibles retos, sobre a base da planificación, a cooperación, a innovación, a calidade e a internacionalización como factores básicos de competitividade. “Estes e outros factores como a evolución do sector en termos de sostibilidade ambiental son piares fundamentais do modelo termal de Galicia, que Termatalia Argentina nos permitirá poñer en común cos asistentes ao evento neste 2014”, engadiu a directora de Turismo de Galicia.