Nava Castro destaca que a Xunta investiu xa máis de tres millóns de euros en iniciativas a prol do turismo termal de Galicia

image_gallery (1)

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou hoxe, en Santiago de Compostela, o foro «O sector termal galego. Estratexias de crecemento e retos de futuro», organizado polo Grupo Correo Gallego.

Durante o encontro, que tivo lugar na Cidade da Cultura, analizouse o futuro do sector termal en Galicia abordándose as estratexias de crecemento, a internacionalización do turismo termal galego, a innovación e a competitividade aplicada ao termalismo.

Deste xeito, déronse cita grandes expertos en termalismo, académicos e representantes institucionais, que expuxeron as últimas novidades do sector termal así como as liñas estratéxicas de xestión e promoción do termalismo, que están a consolidar e potenciar a Galicia como o referente termal.

A directora de Turismo de Galicia destacou durante a súa intervención que o termalismo é un dos sectores económicos sostible con mais potencial en Galicia. Neste senso, Nava Castro explicou que a nosa comunidade conta con mais de 300 captacións de augas termais e mineromedicinais polo que o intervalo de crecemento é aínda moi considerable.

A directora de Turismo afirmou que o termalismo constitúe un recurso estratéxico no desenvolvemento turístico e económico de moitos enclaves galegos subliñando que a nosa comunidade conta con mais dunha vintena de balnearios cun volume de negocio que está en torno aos 60 millóns de euros e xera 1.400 empregos directos.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta de Galicia destacou a posición de liderado da nosa Comunidade no sector termal. “Galicia ocupa a primeira posición en canto a número de establecementos balnearios a nivel nacional e tamén é a comunidade con mais establecementos certificados co Q de Calidade Turística”, afirmou Nava Castro. Deste xeito, explicou que a calidade constitúe un elemento diferenciador do turismo termal en Galicia e a súa aposta constante pola mellora dos servizos e pola implementación de normas de calidade repercute directamente na súa consideración a nivel estatal.

Máis de tres millóns de euros investidos no fortalecemento do turismo termal

A directora explicou que o Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe numerosas accións dirixidas á potenciación e promoción do turismo termal, como o fortalecemento da oferta de turismo de saúde no termalismo, o programa para a consolidación e promoción do turismo termal ou a creación e promoción do Club de Produto Turístico da Auga de Galicia.

Estas accións están en consonancia co Plan de Turismo Termal da provincia de Ourense, do cal Nava Castro explicou que “é unha planificación real cunha inversión de futuro capaz de dinamizar e xerar emprego tanto nas zonas rurais como na cidade de Ourense”.

“Ambos os plans son o froito do gran esforzo conxunto realizado polas diferentes administracións públicas implicadas neste sector xunto coa parte empresarial e tamén conxuntamente xa se están a materializar estas actuacións”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.

Neste senso, Nava Castro falou dalgunhas das actuacións nas que xa se está a traballar para potenciar o termalismo na nosa Comunidade destacando a constitución do Consello Termal, a finalización das obras de balnearios abandonados como o de Cortegada, o aumento da capacidade da oferta de aloxamento en Verín mediante a conversión da acrópole de Monterrei en Parador, a mellora do contorno ao balneario de Laias ou a creación de novas rutas turísticas como a Ecovía fluvial do Támega ou a ruta do río Caldo, entre outras. “A isto hai que engadir o traballo que estamos desenvolvendo para a creación do Club de Produto Turístico da Auga de Galicia, o incentivo á implantación do Q de Calidade Turística, o fomento da formación a promoción do termalismo a través da organización de viaxes de familiarización e de prensa ou a asistencia a feiras como Termatalia ou Thermalies”, sinalou Nava Castro.

“En total, xa estamos a investir máis de tres millóns de euros en iniciativas a prol do turismo termal de Ourense e de Galicia en xeral e a execución de accións continuará neste 2015 con actuacións como a clasificación e definición da oferta termal, o programa Turismo Sénior Termal de Galicia, a sinalización das vilas termais, a promoción do Tren da Beira do Miño, o avance do proxecto Smart Camiño ou a posta en marcha da asociación de vilas termais, do club de vilas termais, e do pacto termal”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.

“O turismo termal é un dos baluartes da nosa Comunidade e con estas iniciativas ampliarase e mellorarase a súa oferta ata converter esta experiencia turística nun novo modo de gozar dos atributos dun lugar único como é Galicia”, concluíu Nava Castro.

También te podría gustar...