Nace SILXE o primeiro inventario de Lugares de Interese Xeolóxico

Proxecto SILXE, primeiro inventario de Lugares de Interese Xeolóxico promovido dende as entidades locais de Galicia.

  • Este plan, financiado pola Deputación de Ourense, obtivo 14 Lugares de Interese Xeolóxico nos concellos de Esgos, A Teixeira, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil.

O proxecto SILXE é o primeiro inventario de Lugares de Interese Xeolóxico que se promove dende as entidades locais de Galicia. Trátase dun proxecto financiado pola Deputación de Ourense que obtivo como resultado, 14 Lugares de Interese Xeolóxico nos concellos de Esgos, A Teixeira, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil. Entre os Lugares de Interese Xeolóxico atópanse rochas volcánicas e sedimentarias nos Peares, interesantes afloramentos de «Ollo de Sapo» na Teixeira e Parada de Sil, tamén granitos e outras rochas con atractivas formas como as que se poden atopar en San Pedro de Rocas, en Esgos ou no «Parque Granítico da Moura», en Nogueira de Ramuín.

Presentación do Proxecto SILXE

Presentación do Proxecto SILXE

O acto de presentación tivo lugar onte no Pazo Provincial da Deputación de Ourense onde estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a directora técnica de SILXE, Maruxa Pérez; o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez; o tenente de alcalde da Teixeira, Luis José Vázquez; o alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente; e a alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome.

SILXE é un proxecto «de particular interese para o turismo, e tamén como non para os ámbitos educativo e científico da contorna do Canón do Sil» asegurou o vicepresidente da Deputación de Ourense que engadiu, «este inventario dos lugares de interese para estes concellos situados ao sur do Canón do Sil, aos que queremos dar novas oportunidades de crecemento aproveitando o seu gran patrimonio xeolóxico.

A Deputación de Ourense está «ao carón de proxectos estratéxicos e dinamizadores da economía local, da docencia e da investigación destes catro concellos», declarou Rosendo Fernández.

A directora do proxecto SILXE explicou que este proxecto partiu «dun intensivo traballo de recoñecemento do territorio, percorrendo máis de 3.000 quilómetros de estradas secundarias, que permitiu identificar máis de 150 localizacións con elementos ou características xeolóxicas que poderían ter interese». Despois de descartar moitas de estas localizacións en base a diferentes criterios, quedaron 36 lugares aos que se lle aplicou a Metodoloxía para elaboración do Inventario de Lugares de Interese Xeolóxico do «Instituto Geológico y Minero de España», que supuxo un resultado final de 14 Lugares de Interese Xeolóxico.

Estas 14 localizacións son Lugares de Interese Xeolóxico porque «teñen algún elemento xeolóxico interesante, contan cunha boa accesibilidade, non presentan ningún risco de ser destruídas, e pola proximidade de infraestruturas turísticas», asegurou Maruxa Pérez.

Pola súa banda, Mario Rodríguez, destacou que este proxecto «permitirá xerar un novo eixe de interese na Ribeira Sacra e, particularmente na súa área ourensá. A xeoloxía é un novo piar para o fomento do territorio. Unha boa xestión deste recurso natural pode polarizar máis os intereses sobre o noso territorio e atraer máis turistas.»

Entre as ferramentas divulgativas deste proxecto, mañá terá lugar «unha excursión guiada, para coñecer de cerca algúns dos Lugares de Interese Xeolóxico identificados», asegurou César Parente durante a presentación.

O concello de Parada de Sil era o responsable de liderar e xestionar este proxecto, que segundo Yolanda Jácome, «coa identificación destes Lugares de Interese Xeolóxico, camiñamos na posta en valor dun aspecto máis da nosa contorna, a xeoloxía que, ademais, como reflicte SILXE é, cando menos, elemento vertebrador da nosa realidade paisaxística, cultural e etnográfica».

También te podría gustar...